Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 05/03/2021 | Actualizada ás 11:45
Os camioneiros encargados do transporte de carbón para a central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez volveron a bloquear a media tarde deste xoves, 4 de marzo, os dous accesos a este complexo enerxético.
Así, colocaron os seu tráileres para impedir a entrada e saída á central, unha medida de protesta que tomaron, segundo trasladou o presidente da Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes, 'Cholo' Bouza, porque están "fartos e cansos de promesas incumpridas". "O único que pedimos é unha transición xusta para todos", dixo, ao estimar que eles tamén son un dos colectivos prexudicados polo cesamento da actividade.
"Pómonos diante das portas porque estamos cansados de esperar, de que nos desgasten, tras dous anos, cansados de promesas e que non van a ningún lado", manifestou, para estimar, ademais, que "queda pouco tempo para facer cousas, porque se isto non se atalla, en xuño acábase", en alusión á intención da empresa eléctrica de clausurar estas instalacións no verán.
BLOQUEO INDEFINIDO
Bouza detallou que "este bloqueo é indefinido, xa que os camións entraron aquí cunha data, pero a saída non ten data". "E só será cando senten Endesa, Goberno central, Xunta, Concello das Pontes e todos nós, xa que ademais non estamos sós, xa que contamos co apoio da parte social, empresarial e comerciantes", avisou.
"Isto non é só unha cousa de camioneiros", detallou o presidente do colectivo que agrupa aos transportistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.