Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2021 | Actualizada ás 20:35
O Pleno do Concello de Ourense aprobou unha moción socialista, de urxencia, na que instaban o resto de grupos da oposición a asinar a "moción de censura xa" contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), por unha suposta chantaxe do rexedor que chegou á Fiscalía.
A moción saíu aprobada cos 17 votos a favor do Partido Socialista, BNG, Cs e o catro edís considerados críticos de DO --un deles xa como non adscrito---. En fronte, o PP votou en contra xunto a Democracia Ourensá --10 votos negativos--.
No entanto, dado que os votos dos críticos non teñen validez na firma da moción de censura, segue faltando unha rúbrica para lograr a maioría necesaria. O punto álxido chegou case ao final da sesión plenaria que superou as nove horas, a de maior duración da historia do Concello de Ourense, segundo destacou o propio rexedor municipal.
O encargado de defender esta proposta foi o portavoz municipal socialista, Rafa Villarino, quen cuestionou "que máis ten que pasar para destituír ao alcalde". Pola súa banda, o BNG censurou que "é urxente e vital a firma da moción". Á petición uniuse o portavoz de Cs na cidade, José Araújo, que asegurou que a moción "pasa pola vontade do Partido Popular, pero o grupo municipal atópase á deriva".
Esa frase provocou a réplica de Gonzalo Pérez Jácome con ironía: "Ten graza que o comentario veña de Cs, que sen dúbida vai en alza". O rexedor municipal censurou a Villarino que, mentres que el é investigado por unhas supostas chamadas de chantaxe nas que "en ningún momento" se lle escoi8ta, "Montse Lama (deputada provincial) asegurou esta mesma semana que vostede (Villarino) estaba disposto a manterme na Alcaldía a cambio da Deputación".
POSTURA DO PP
Na quenda de palabra do Partido Popular, a portavoz, Flora Moure, tachou a moción "dunha rabecha infantil e unha pantomima". Así, reprobou o "despropósito" que supón "ditar sentenza xa contra Jácome sen respectar a presunción de inocencia, da que para outras cousas tanto presumen". "Non faremos alcalde a alguén que se move pola súa ambición persoal, elixan outro candidato para poder falar", agregou Moure.
Deste xeito, Villarino acusou ao Partido Popular de non aceptar a moción a propósito de que "se entra o PSOE no goberno non volverán tocar o poder na cidade". "Con vostede non, Villarino, con vostede nunca", aseverou, a popular. "Se queren voume e déixoos a soas. Parece que o obxectivo non son eu", chanceou Pérez Jácome ante o intercambio de reproches entre Partido Socialista e Partido Popular .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.