O PSOE, a Monarquía e a democracia

O segundo pagamento con fins de regularizamento fiscal do Emérito e máis a falla de civismo das súas fillas, visitándoo en Abu Dhabi á custa dos gastos de seguranza estatais e aproveitando para facer turismo de vacina ,agravou substancialmente a xa mancada imaxe pública da Monarquía borbónica.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 07/03/2021

Comparte esta noticia
Até as persoas coetáneas do anterior Xefe do Estado refugan nidiamente a súa conduta, mentres as xeracións intermedias e máis novas afástanse cada vez máis dunha Intitución monárquica que non da reaccionado. Como ven de escrebir o xornalista catalán Iu Forn a “Monarquía española vive nunha realidade paralela e non deu entendido nada”.
 
Fronte esta incapacidade de reacción monárquica o BNG e as demáis  forzas soberanistas, canda Más País e Unidas Podemos tentan lexitimamente discutir destas cousas e pescudar nestas condutas  aló onde cumpre, é dicir no Parlamento do Estado, despois de sofrir as reaccións do parcial Tribunal Constitucional que ten prohibido investigar estes feitos dende Parlamentos autonómicos. Pola súa banda, a dereita tripartita ten reaccionado ferreñamente, rexeitando calquera destas iniciativas democráticas a xeito de fronte monárquica-cortesá.
 
E o PSOE? O PSOE sempre do lado da dereita, sempre agachando as miserias e eventuais condutas ilegais da Institución monárquica, impedindo calquera pescuda, calquera debate. E, malia este feito evidente, as enquisas reflicten máis dun 60% dos votantes socialistas moi críticos con estes feitos e máis próximos a unha solución monárquica.
 
Así e todo isto non ocorre só coa Monarquía. Mais aquí a responsabilidade é común do PSOE e  de Unidas Podemos. A lei de seguranza cidadá, que penaliza o exercicio das liberdades de manifestación cidadá, segue vixente. Os delictos de sedición (que motivou as inxustas, ilegais e desaqueladas condenas das persoas presas políticas catalás), de inxurias e calunias  ao Rei e aos membros da súa Familia,  de inxurias e calunias aos Funcionarios Públicos e outros que criminalizan o exercicio da liberdade de expresión seguen vixentes. A respecto da liberdade dos presos políticos cataláns  nin un só aceno. E tampouco se avanzou un chisco na construción dun Estado plurinacional, malia que só fose construindo a xeito de leis orgánicas e leis de transferencia ou delegación de competencias estatais. 
 
Para máis, a burremia centralista da Administración do Estado xerou o naufraxio do Ingreso Mínimo Vital (IMV), que requiriría da súa xestión autonómica, mentres que a xestión dos fondos Next Generation-EU amenaza con deixar fóra á empresa galega e ás pemes en xeral ao enfrontaren unha xestión centralizada que só agasalla ás grandes empresas do Ibex 35.
 
O PSOE habería decidir se esta coa democracia e coa liberdade ou coa Monarquía, a grande empresa e o Deep State. E Unidas Podemos habería matinar se lle vai ser posíbel moito tempo isto de repenicar as campás mentres escoita a  misa.

Felipe VI, no discurso de Nadal. Discurso de Nadal de Felipe VI.
Felipe VI, no discurso de Nadal. Discurso de Nadal de Felipe VI.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.