Por E.P. | A CORUÑA | 10/03/2021 | Actualizada ás 19:04
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron os convenios de colaboración en virtude dos cales a institución provincial achegará 120.000 euros para cofinanciar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e 80.000 para o programa de actividades dos centros socioculturais do ámbito rural.
Con esta firma, que tivo lugar na sede da Deputación, "mantense a colaboración entre ambas as institucións para o mantemento dos centros socioculturais composteláns", sinala a institución provincial.
O orzamento global para o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche ascende a 224.102,73 euros, dos que a Deputación achega 120.000 euros (o 53,55%). No que se refire a os centros socioculturais do rural, a achega é de 80.000 euros, o 45,71% do gasto total, que ascende a 175.000 euros.
ACTIVIDADES
Por outra banda, a Deputación da Coruña promove unhas xornadas sobre danza e artes vivas, que forman parte do programa 'A Cultura é un Dereito' da área de Cultura desta institución e que terán lugar este xoves e o venres no Teatro Colón. Nelas, abordarase a situación actual do sector, especialmente no contexto de pandemia.
Ademais, dentro da iniciativa da área de Igualdade 'Moito por cambiar, por promover, por concienciar, por educar, por entender, por compartir, por crear, por gozar, por vivir', celebrarase este xoves unha sesión coa participación de profesionais desta área na que se abordarán as reivindicacións máis urxentes das mulleres no actual contexto de crise sanitaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.