Por E.P. | OURENSE | 10/03/2021 | Actualizada ás 20:01
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o secretario da Associaçao Impulsora da Casa da Lusofonía, Xosé Carlos Morell, asinaron este mércores un convenio de colaboración que permitirá instalar en Ourense a sede galega da Casa da Lusofonía, no marco da rede de instalacións destas características que posúe o Ministerio de Asuntos Exteriores e a Unión Europea.
Baltar cualificou este feito como un día "grande para Ourense" polo valor histórico e cultural que supón este acordo, "tendo en conta a fonda vinculación de Ourense co mundo da lusofonía e, por suposto, a lingua galega, o maior tesouro de Galicia, como sinala o noso Estatuto".
O acordo establece a creación dunha comisión de seguimento, que terá carácter paritario e estará integrada por representantes da Deputación e da asociación lusa, comisión a través da cal se canalizarán as xestións para instar á Administración do Estado e á Unión Europea a facilitar a creación da Casa da Lusofonía con sede na capital ourensá.
Pola súa banda, Xosé Carlos Morell agradeceu "este primeiro paso importantísimo cara a un camiño que emprendemos hoxe". Morell defendeu o "valor económico do portugués e da lusofonía, especialmente nos negocios".
Noutra orde de cousas, a Deputación de Ourense lembra que o próximo 18 de marzo termina o prazo para a presentación de traballos que concorren ao XXXI Premio de Xornalismo 'Xosé Aurelio Carracedo', un galardón que convoca o ente provincial, dotado con 3.000 euros, para o mellor traballo ou conxunto de traballos xornalísticos --escritos, gráficos, audiovisuais ou dixitais-- publicados en medios de comunicación galegos ou noutros medios de comunicación pero que deben referirse a Galicia, con data entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.