"Preocupación" nas universidades pola decisión da Xunta de excluílos da vacinación

O Sergas incluíu os docentes de primaria e secundaria na listaxe de colectivos preferentes pero non ao persoal universitario, unha exclusión que CSIF pide corrixir.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2021 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A vacinación en Galicia avanza con polémica. Na mesma semana en que a Consellería de Sanidade comezará a chamar á poboación de entre 50 e 55 anos para recibir a vacina de Astra-Zeneca, séguense sucedendo as demandas de diversos colectivos profesionais para seren incluídos nos sectores preferentes de vacinación. A derradeira petición vén de chegar do persoal universitario.

Sanitaria en zona de vacinación
Sanitaria en zona de vacinación | Fonte: A.Pérez - Europa Press

A demanda, xurdida na Universidade de Santiago de Compostela, chega despois de que a institución santiaguesa realizara unha consulta á Consellería de Sanidade para trasladarlle a suxestión da prioridade. A resposta da Dirección Xeral de Saúde Pública foi negativa: o órgano dependente da Xunta xustificou que, ao non estar incluído o persoal universitario nos plans estatais, este será vacinado co resto da cidadanía.

A luz vermella de Saúde Pública contrasta coa celeridade da Xunta de Galicia á hora de inocular o preparado de AstraZeneca ao persoal docente da educación primaria e secundaria; unha estratexia que, todo sexa dito, obedece tamén aos problemas de subministro experimentados no tocante á vacina da multinacional Pfizer.

"COLECTIVO DIANA"

A Universidade móstrase “preocupada” ante esta reposta negativa da Xunta, unha cuestión que, explican, se ve agravada polas ocasións nas que “nos últimos meses as autoridades teñen sinalado ao alumnado universitario como colectivo diana eventualmente responsable da propagación da COVID-19”, nunha práctica que xa foi cualificada como criminalización en ocasións anteriores polos propios universitarios.  

“Dende a USC seguiremos insistindo na necesidade de incorporar o persoal da Universidade á estratexia de vacinación, nas mesmas condicións que o colectivo de docentes de educación primaria e secundaria”, apuntan nun comunicado interno, “e seguiremos defendendo o papel que desempeña o alumnado na solución á crise sanitaria con base no seu cumprimento dos protocolos sanitarios do que temos sido e somos testemuñas”.

"EN PRIMEIRA LIÑA"

Na mesma xornada, a Central Sindical Independente e de Funcionarios vén de "insistir" que os investigadores universitarios sexan considerados persoas de risco. Segundo expoñen nunha nota pública, "dende o inicio da pandemia, colectivos universitarios de docentes, investigadores, bibliotecarios, administrativos, auxiliares de servicio, técnicos de laboratorio, etc., están en primera liña" e "sen EPIs", da man de contacto con "numersos estudantes", que segundo destaca a central "pertecen aos grupos de idade con maior porcentaxe de transmisión do virus". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta