A ameaza ominosa de Washington está desenvolvendo a súa danza macabra de xeito perverso, advertindo dun inminente ataque de EE.UU sobre Siria. En Francia e Reino Unido, os seus fieis lacaios, Holland e Cameron, faise eco de bo grado desta advertencia. Espérase que os gobernos, e quizais os parlamentos, apoien a opción militar. A intervención imperialista directa provocaría unha alteración radical na situación de Siria despois de que o círculo infernal de violencia e guerra civil fanática conseguise borrar o potencial revolucionario das protestas contra o réxime de Bashar Al-Assad que se desataron no país durante a explosión da primavera árabe.
O espírito revolucionario inicial quedou mutilado por mor dunha feroz represión primeiro e unha sanguenta guerra civil despois, e por iso a revolución foi violentamente detida, e até retrotraída ao pasado. Esa esfera monstruosa de represión e violencia robusteceu o poder do réxime de Assad sobre as minorías opositoras intimidadas e coaccionadas pola crecente onda de reacción fundamentalista islámica dentro da oposición. Opino que os sectores máis reaccionarios son os que tomaron o control en ambos os dous bandos.
Creo sinceramente que o uso de armas químicas fíxose cada vez máis decisivo no campo da oposición, sentando o auxe da reacción negra na forma de exércitos yihadistas suníes, principalmente ao redor de Jabhat Al-Nusra. Estes exércitos, acompañados de mercenarios estranxeiros, e alimentados por xenerosas doazóns e armamento de Estados Unidos, Qatar, Turquía e Israel, foron catapultados á fronte da batalla. Desde entón, calquera elemento revolucionario residual foi completamente marxinado ou esmagado.
O imperialismo dos EE.UU finalmente resolveu intensificar a intervención directa co fornezo de armas, municións, tecnoloxías, soporte loxístico e intelixencia militar e adestrando as milicias e grupos militares rivais nun intento desesperado por cambiar as relacións de forzas dentro da oposición e evitar que os yihadistas consolidasen a súa posición de liderado.
Este intento foi demasiado débil. Obama fracasou miserabelmente para gañar o respaldo do Congreso, mentres que a situación militar cambiou rapidamente a favor do réxime de Assad, que ata hai pouco estaba gañando claramente a guerra, forzando así ao imperialismo de EE.UU. a precipitarse nunha intervención máis directa co fin de reducir as posibilidades de éxito do exército de Assad e, finalmente, impedir a consolidación do avance militar do réxime sirio.
A intervención militar interesa sobre todo ao imperialismo ianqui e europeo co obxecto de controlar os recursos enerxéticos da zona (gas, petróleo,...), porén unha intervención a gran escala en Siria é a lata de gasolina que necesitaban determinados sectores fundamentalistas no Oriente Medio para provocar o incendio. Liquidado o goberno de Assad, haberá moitos grupos sen control que seguirán armados (pensemos en Irak e lembremos que sucede alí actualmente) e darán inicio inmediatamente á súa campaña de violencia indiscriminada e Siria acabará como o “rosario da aurora”. O Exército regular, comandado polos alauítas (a minoría á que pertence Assad) vaise a desintegrar. Siria tendera a transformarse nun campo de guerra de faccións armadas e grupos terroristas, alí mesmo, na fronteira con Israel, e iso presuporía unha traxedia de dimensións incalculábeis e podería supor a internacionalización do conflito a toda a rexión.