Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 13:07
Cae a polémica sobre o servizo de atención telefónica da Xunta para a covid-19. A CIG vén de denunciar as “precarias condicións” que, segundo destacan, se estarían a dar na empresa adxudicataria deste servizo dende o inicio da pandemia no pasado mes de marzo. De acordo co sindicato, a compañía escollida pola Xunta para delegar o servizo estaría a incumprir a regulación laboral do sector ao ter os seus traballadores “en fraude de lei”.
A Confederación apunta así ás prácticas da compañía Universal Support, que se encarga da atención telefónica “tanto do número de información como no servizo de rastrexo”. Dende a plataforma sindical explica que, malia a “escasa” información que transparenta a empresa “sábese que unha parte importante das persoas que prestan o servizo están en fraude de lei”.
Este aparente incumprimento daríase porque, de acordo coas mesmas fontes, a compañía escollida pola Xunta para desenvolver este servizo público ten a boa parte dos seus traballadores baixo un contrato eventual por circunstancias de produción; que, de acordo co convenio colectivo do sector --din dende a formación sindical-- “só pode ser utilizado de modo continuado durante catro meses”
"ESCURANTISMO" DA ADXUDICACIÓN
O problema viría porque “hai gran cantidade de traballadores e traballadoras” que “xa superaron eses catro meses sen que se lles cambie o contrato a un de obra ou servizo, como correspondería". Para a CIG, o único obxectivo desta actuación é “dispoñer libremente do persoal e poder prescindir del con facilidade cando diminúa o traballo, sen cumprir as formalidades reservadas para o contrato de obra”. A formación aprecia tal intencionalidade nas prácticas desenvoltas na terceira vaga, momento no que a compañía pasou supostamente de contratar “ás présas” 150 traballadores para “botalos tres semanas despois”.
As dúbidas que penden sobre o cumprimento legal da adxudicataria da Xunta botan novas sombras sobre a xestión do Goberno autonómico, que --de acordo coa CIG-- procedeu a adxudicar o servizo a Universal Suppor nunha “campaña sen transparencia” e na que “a información facilitada pola empresa ao comité foi practicamente nula dende un principio”. Segundo destacan, este escurantismo “impide os sindicatos poder desenvolver o seu traballo para garantir o cumprimento da lexislación laboral", critican. Por iso sinalan que se manterán “vixiantes” ante posibles novos incumprimentos por parte da adxudicataria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.