Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/03/2021 | Actualizada ás 19:26
A sección sindical da CIG en Universal Support denunciou este martes as "precarias condicións" nas que se atopan os traballadores que realizan a atención telefónica da covid-19, posta en marcha pola Xunta ao comezo da pandemia.
"Aínda que a información trasladada pola empresa á representación social é escasa", critican, "sábese que unha parte importante das persoas que prestan o servizo están en fraude de lei, debido a que a empresa as ten contratadas cun contrato eventual por circunstancias da produción".
Esa modalidade, explica a CIG, segundo artigo 14 do convenio colectivo de Call Center aplicable, só pode ser utilizada de modo continuado durante catro meses, "cunha única prórroga posible por acordo entre as partes e sen que a duración total supere ese período máximo". No entanto, a sección sindical da CIG advirte que "hai gran cantidade de traballadores que renovan mensualmente o seu contrato coa modalidade máis precaria, e que xa superaron eses catro meses sen que se lles cambie o contrato a un de obra ou servizo, como correspondería".
Para a CIG, o "único obxectivo desta actuación" é "dispor libremente do persoal e poder prescindir del con facilidade cando diminúa o traballo, sen cumprir as formalidades reservadas para o contrato de obra".
A central sindical considera "intolerable" que "nunha campaña de tanta transcendencia social e na que ten tanta responsabilidade", a administración pública "consinta estas prácticas claramente prexudiciais para estes traballadores, que veñen desempeñando un labor esencial desde o inicio da emerxencia sanitaria".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.