Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 19/03/2021 | Actualizada ás 13:15
Un total de 2.650 axentes da Garda Civil e a Policía Nacional realizan 1.715 controis de restricións covid-19 durante a ponte de San Xosé, segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada.
A Delegación do Goberno e as subdelegacións estudaron durante a xornada do xoves as restricións que publicou a Xunta o mércores pola tarde para os dispositivos de cumprimento, cuxo deseño correu a cargo do Centro de Coordinación (Cecor) autonómico e os Cecor provinciais.
"Non estamos para baixar a garda. Debemos cumprir as normas, debemos ter responsabilidade e debemos evitar volver atrás", recalcou o delegado do Goberno. Dos axentes despregados nos dispositivos, unha parte céntrase nos accesos a Galicia, xa que está prohibida tanto a entrada como a saída salvo causa xustificada.
Outra parte enfocarase en "apoiar o labor preventivo na hostalaría para garantir o cumprimento das restricións", con tarefas de control e vixilancia continua nos diferentes establecementos. "Buscamos protexer aos hostaleiros e á actividade da hostalaría á vez que se protexe aos usuarios", indicou Losada.
ZONAS COSTEIRAS E TURÍSTICAS
Outra das áreas de interese, tal e como sinalou nun comunicado, son as zonas de segundas residencias, costeiras e turísticas, "que contan cun reforzo de presenza policial". Javier Losada ademais, fixo un chamamento á cidadanía: "Que se movan o menos posible esta ponte e esta semana Santa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.