Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2021 | Actualizada ás 17:52
O Concello de Campo Lameiro puxo en coñecemento de Patrimonio e da Garda Civil "o atentado sufrido" pola estación rupestre da 'Laxe da Rotea de Mendo', concretamente contra dous petróglifos que "foron danados pola acción vandálica de descoñecidos que raiaron cunha pedra parte destas emblemáticas representacións arqueolóxicas".
O alcalde, Carlos Costa, desprazouse tras coñecer o sucedido ata o lugar dos feitos, na parroquia de San Miguel de Campo, para determinar o alcance dos feitos e polo en coñecemento da Garda Civil e das autoridades de Patrimonio.
Os petróglifos apareceron rascados e remarcados por pedras de maneira abrasiva, o que supón "graves danos para estas representacións emblemáticas da arte rupestre en Campo Lameiro", apunta o consistorio.
O equipo de goberno solicitou a colaboración cidadá para localizar aos autores deste acto vandálico e espera que en breve os responsables sexan postos a disposición das autoridades para que "sexan sancionados convenientemente".
Esta estación rupestre, do mesmo xeito que outro tres máis, foron obxecto dunha intervención de conservación e posta en valor por parte do Concello de Campo Lameiro onde se destinou un investimento duns 25.000 euros, grazas a unha subvención de preto de 4.000 euros da Deputación e outros 21.000 da Vicepresidencia da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.