Os porteiros de concertos e espectáculos deberán pasar un exame de aptitude psicolóxica

Tamén deberá carecer de antecedentes penais e superar un curso.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 24/03/2021 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

O persoal encargado de controlar o acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas deberá cumprir unha serie de requisitos, como carecer de antecedentes penais, superar un curso e pasar un exame de aptitude psicolóxica co que poderán obter unha licenza que terá unha vixencia de dez anos.

Así figura no decreto que regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e a actividades recreativas, publicado no Diario Oficial de Galicia este mércores, dúas semanas despois de que o pasado 11 de marzo recibise luz verde por parte do Consello da Xunta.

O novo texto adapta as condicións que deben cumprir os profesionais que se dedican ao control de acceso a establecementos e espectáculos para adaptalo á normativa actual, ademais de reformular o temario para a proba de coñecemento que deben superar para obter a licenza.

Este curso estará centralizado na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), onde os interesados en obter o permiso recibirán formación sobre a normativa básica que rexen os espectáculos públicos e as actividades recreativas, a regulación sobre o xogo, o dereito de admisión, medidas de seguridade a cumprir, o réxime xurídico dos menores de idade, conceptos básicos de primeiros auxilios ou "técnicas básicas de autocontrol en situacións de extrema necesidade", entre outras cuestións que conforman o temario.

SEN ANTECEDENTES E CON PSICOTÉCNICO

Así mesmo, outro dos requisitos que han de cumprir os profesionais do sector para obter a licenza é carecer de antecedentes penais e superar un exame psicolóxico nun psicotécnico, que deberá determinar a aptitude da persoa para exercer o posto de traballo.

Entre os labores definidos no decreto para estes traballadores está garantir o acceso ordenado ao recinto ou establecemento, comprobar a idade dos asistentes e que non figuren no rexistro voluntario de persoas con prohibición ao xogo, garantir que as bebidas se consomen dentro do local e informar o persoal de seguridade ou ás forzas da orde no caso de que sexa necesario.

Concerto mutitudinario
Concerto mutitudinario | Fonte: cristianotas.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta