Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/04/2021 | Actualizada ás 18:24
Un informe xurídico encargado pola Xunta de Galicia á Universidade de Santiago de Compostela (USC) tacha de "arbitrario" o veto do Goberno central á comercialización do marraxo, segundo informa a Consellería do Mar tras unha reunión esta semana do seu titular, Rosa Quintana, con representantes da frota de palangre de superficie de Galicia.
Neste encontro, informa o departamento autonómico, trasladouse ao sector as conclusións deste informe. "O ditame determina que o veto á importación desta especie, decretado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, constitúe unha decisión arbitraria e contraria ao ordenamento xurídico", sostén.
Sobre o seu contido, expón que "acreditando que esa actuación administrativa arbitraria derivou en danos económicos á frota, existe a posibilidade de que os afectados reclamen unha responsabilidade patrimonial -danos e prexuízos- á Administración Xeral do Estado pola súa actuación".
A análise emitida pola USC pretende dar resposta, explica a Consellería, "ás incertezas nas que se atopa a frota de palangre, que conta cunhas posibilidades de pesca de marraxo que, unha vez capturadas, non pode comercializar ao carecer dos certificados que debe emitir o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para avalar a súa importación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.