Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/04/2021 | Actualizada ás 13:42
A CIG-Industria trasladou ao grupo parlamentario do BNG --PP e PSOE non contestaron á súa solicitude de reunión-- a súa proposta para o sector da automoción ante un futuro que advirte "bastante negro" se non hai unha "aposta decidida" por parte da administración. Para iso, representantes de CIG-Industria reuníronse este luns cos deputados do Bloque Ramón Fernández Alfonzo e María do Carme González.
Ao termo, en declaracións aos xornalistas, o portavoz de CIG-Industria, Xoan Xosé Bouzas, explicou que, entre outras cuestións, a central nacionalista reclama un plan para atraer plantas de fabricación dos novos compoñentes dos coches eléctricos. "Non contar cunha planta de fabricación de baterías eliminaría o sector galego da automoción do taboleiro da fabricación do coche eléctrico, e por tanto aumentaría a súa situación de debilidade ante os novos cambios que se afrontan no sector", explica o documento que entregou a CIG.
"NINGUÉN ESCOITOU A PSA"
Pola súa banda, Bouzas mostrou a "preocupación" da organización tendo en conta que "ninguén escoitou a PSA dicir se vai pelexar" por que a planta de baterías que planea o Goberno teña implantación en Galicia. Centrado na lei de cambio climático e "moitos cambios" que se aveciñan no ámbito da mobilidade, o portavoz de CIG-Industria reclamou unha "aposta" da Xunta polos coches híbridos e eléctricos, así como pola infraestrutura necesaria para estes vehículos, como os puntos de subministración.
A proposta que fixeron chegar aos parlamentarios é unha versión actualizada doutra que xa entregaron en 2018 a todos os grupos, tras o que "non se fixo absolutamente nada", segundo Bouzas. Por iso, lamentou que "non hai propostas concretas" na comunidade e en concreto "ningún proxecto" coñecido e de gran alcance en relación cos fondos europeos para a reconstrución fronte á crise da covid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.