Por E.P. | VIGO | 06/04/2021 | Actualizada ás 13:13
O xulgado do Penal 3 de Vigo suspendeu o xuízo previsto contra os responsables dunha discoteca-pub de Baiona, pai e fillo, para quen a Fiscalía solicita 4 anos de cárcere e o pago dunha multa de 84.000 euros, e que serán xulgados finalmente o próximo mes de xullo.
A vista estaba fixada para este martes pero, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), foi suspendida porque non chegou a documentación que solicitou unha das partes. Así, o xulgado sinalouna para o próximo 7 de xullo ás 9,30 horas.
No banco dos acusados sentarán un empresario da hostalaría e o seu fillo (tamén está acusada a sociedade que crearon), responsables do histórico local 'Vila Rosa' de Baiona , acusados dun delito contra o medio ambiente polo ruído que xeraba o local e dun delito de lesións, polos danos causados a un matrimonio que vivía nas inmediacións.
Segundo se recólle no escrito de acusación da Fiscalía, "polo menos desde 2014" esta discoteca xeraba ruídos que excedían os límites legais e, a pesar das numerosas denuncias, mantivo a súa actividade. Así, as medicións realizadas entre 2014 e 2017 no exterior do local arroxaron resultados de máis de 70 decibeis (cando o máximo permitido eran 50) e as realizadas na vivenda dos denunciantes superaron con fartura os 40 decibeis (cando o máximo eran 30).
O local foi denunciado e o Concello de Baiona ordenou a suspensión da actividade e incoou expediente sancionador en 2015 polos ruídos, e tamén pola realización de certas obras sen licenza.
Pero os apercibimentos non deron resultado e, de feito, o propio consistorio foi instado ós tribunais a executar esa suspensión de actividade. Aínda que se precintou a discoteca, posteriormente reabriu tras emendarse as deficiencias detectadas.
PREXUDICADOS
Un matrimonio que vivía preto do establecemento iniciou unha batalla legal polos ruídos que tiña que soportar e que lles levaron mesmo a trasladar ás súas fillas menores a casa doutros familiares cada vez que abría pola noite a 'Vila Rosa'.
Ao longo de catro anos (acabáronse cambiando de domicilio en 2018) tiveron que soportar niveis de contaminación acústica que lles impedían descansar e que orixinaron un trastorno adaptativo asociado a "unha situación vital estresante", segundo a Fiscalía. Así, padeceron insomnio, ansiedade, trastornos somáticos, etc., e quedoulles como secuela un trastorno neurótico.
DELITOS E PENAS
Por estes feitos, o ministerio público acusa aos procesados dun delito contra o medio ambiente e un delito de lesións, e pide para cada un deles 4 anos de prisión e o pago dunha multa de 84.000 euros.
Ademais, pide que indemnicen a cada un dos prexudicados en 39.000 euros, e que lles paguen os gastos médicos nos que incorreron nese catro anos. Tamén solicita 4 anos de inhabilitación para exercer profesión no ámbito da hostalaría.
Por outra banda, para a sociedade creada por pai e fillo e dona do local a Fiscalía pide o abono dunha multa de 360.000 euros e o peche definitivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.