Alcoa pretende que sexa o Goberno o que faga cargo de posibles denuncias se vende a planta de San Cibrao

A multinacional, que volve vender a planta por 1 euro, asegura que "non pretende desentenderse" pero que o Goberno "debe compremeterse"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/04/2021 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

Alcoa di que a referencia á inmunidade fronte a eventuais reclamacións que expón nas negociacións para a venda da planta de Cervo, en Lugo, é "similar" á discutida no anterior proceso, durante o pasado ano 2020 e que resultou errado. Entón, aseguran fontes da compañía a Europa Press, "foi aceptada pola SEPI".

A SEPI, a sociedade estatal de participacións industriais, dependente do Ministerio de Industria, é quen negocia coa multinacional estadounidense a compra da planta de aluminio de San Cibrao, na Mariña lucense, coa intención de despois traspasala a un terceiro. Nestes momentos, Liberty é o principal interesado, pero a súa situación financeira está en dúbida.

Tras unha reunión de seguimento sobre a operación na que non participou Alcoa porque non estaba convocada, a empresa reivindica a súa "firme vontade de negociar e avanzar no proceso de venda". Faino despois de que tanto o ministerio como os sindicatos e o comité de empresa cuestionasen a súa postura na negociación, por esixencias como a desa indemnidade ante eventuais reclamacións.

Esta petición prodúcese nun momento no que a xustiza investiga o proceso de compra venda das que eran as instalacións de Alcoa na Coruña e Avilés (na actualidade Alu Ibérica), primeiro ao fondo Parter e despois ao Grupo Risco.

"ESTAMOS Á ESPERA"

Despois de que tanto o ministerio como os representantes dos traballadores, e tamén a Xunta, pedisen "axilidade" para que se materialice a venda, Alcoa afirma estar "á espera" de recibir unha resposta "e comentarios" á proposta de prego de condicións ('term sheet') que presentou á SEPI o pasado 4 de febreiro.

"A referencia á indemnidadE é similar á discutida nas negociacións de 2020 coa SEPI e que foi aceptada pola SEPI", destaca. Ademais, Alcoa informa de que ofreceu "non só vender a planta por 1 euro, senón tamén transferir unha suma moi importante de efectivo a SEPI en caso de venda".

Con iso, defende que "non pretende desentenderse en ningún caso da xestión realizada, nin elude as súas responsabilidades"; pero remarca que a SEPI "debe comprometerse a confirmar que é o comprador e, unha vez completada a venda, manter indemne a Alcoa das posibles reclamacións relacionadas coa planta de aluminio".

Un traballador de Alcoa San Cibrao queima unha bandeira de Estados Unidos diante da factoría tras coñecer a anulación do TSXG do ERE da empresa en Cervo, A Mariña, Lugo, Galicia (España), a 17 de decembro de 2020.. E. Vázquez
Un traballador de Alcoa San Cibrao queima unha bandeira de Estados Unidos diante da factoría tras coñecer a anulación do TSXG do ERE da empresa en Cervo, A Mariña, Lugo, Galicia (España), a 17 de decembro de 2020.. E. Vázquez | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta