Por Europa Press / Redacción | OVIEDO | 07/04/2021 | Actualizada ás 20:27
A literatura en asturiano e galego-asturiano terá presenza nas campañas de fomento e promoción da lectura que organice o Ministerio de Cultura. Ademais, as letras asturianas será a protagonista dunha actividade dentro da Feira do Libro de Frankfurt 2022.
España será país convidado de honra da feira e, a proposta do Principado, a literatura en asturiano contará con actividade propia dentro do programa oficial. Así o acordaron a conselleira de Cultura, Política Llingüística e Turismo de Asturias, Berta Piñán, e a directora xeral do Libro e Fomento da Lectura do Goberno central, María José Gálvez, nunha reunión celebrada este martes na sede do Ministerio de Cultura e Deporte.
Acompañada polo director xeral de Política Llingüística, Antón García, Piñán trasladou a Gálvez a necesidade de dar visibilidade á creación en asturiano e galego-asturiano, incluíndoa tanto nas campañas de fomento á lectura que poña en marcha o ministerio que dirixe José Manuel Uribes como nas actividades de promoción.
Así, ademais de contar cunha presenza destacada na próxima Feira do Libro de Frankfurt, tamén se acordou a participación dos escritores en lingua asturiana e galego-asturiano en dous programas propios da Dirección Xeral do Libro: os Encontros literarios en IES, destinados a fomentar a lectura entre o alumnado de Secundaria, e os encontros de autores en librarías, no marco do programa Afinidades electivas.
Os encontros literarios en institutos e centros públicos onde se imparte Ensino Secundario Obrigatoria (ESO) teñen como obxectivo desenvolver o hábito de lectura. Neste ciclo, que fomentará a mobilidade dos creadores asturianos e a difusión da súa obra, un autor ou autora, elixido o instituto, falará sobre o seu traballo e o seu proceso creativo e, a continuación, manterá un diálogo con estudantes. Previamente, o alumnado preparará a actividade coa lectura do material seleccionado e consensuado co profesorado do centro.
Á inclusión da literatura escrita en asturiano e en galego-asturiano nos programas ministeriais, engadirase tamén a súa participación nos Encontros de Verines que cada ano se celebran en Pendueles (Llanes), en colaboración coa Universidade de Salamanca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.