As cámaras 'intelixentes' de Santiago prenden a polémica: controlan a mobilidade ou os veciños?

O Concello de Santiago aprobou multiplicar por cinco o número de cámaras de videovixilancia no casco antigo. En principio, o proxecto pretende mellorar o tráfico da cidade, pero algunhas partes da súa letra pequena levantan suspicacias. "Hai un choque con dereitos fundamentais, como a intimidade e a libre circulación", sosteñen dende Compostela Aberta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Sen dúbida era fan do rock clásico a persoa que, na noite do 6 de agosto de 2018, decidiu pintar unha das figuras da fachada de Praterías, na Catedral de Santiago, co logo dos Kiss. O autor da “barrabasada” --palabras do concelleiro de Cultura, Román Rodríguez-- segue impune, pero o acto tivo consecuencias. A primeira foi o enfado dos composteláns. A segunda, o regreso á actualidade dun vello debate na cidade: as cámaras de vixilancia.

Cámara de seguridade
Cámara de seguridade | Fonte: Pexels - cottombro

Máis de dous anos despois, o son do rotulador anónimo contra a pedra románica da Catedral segue deixándose sentir pola cidade. En particular no Concello, que no pasado mes de febreiro anunciou un plan para multiplicar por cinco--ou máis-- o número de cámaras do casco antigo da cidade. E iso non é todo, porque este novo circuíto de ollos metálicos --a diferenza do actual--, poderá gravar imaxes, “caracterizar” peóns para “trazar” os seus percorridos e mesmo distinguir veciños de peregrinos grazas a un sistema de intelixencia artificial.

A instalación das cámaras --xa adxudicada e en marcha-- é unha iniciativa do goberno municipal do PSOE . O actual alcalde de Santiago é un veterano loitador a prol da videovixilancia na cidade. As dez cámaras que hoxe espreitan a zona antiga da urbe datan da súa primeira etapa á fronte do consistorio, entre 1998 e 2011. Xa entón, o socialista natural de Teixeiro tivo que loitar contra a oposición dunha pequena plataforma, o Movemento polos dereitos civís, que chegou a conseguir que a xustiza tombara o circuíto de vixilancia; se ben o Concello recorreu con éxito e as cámaras quedaron.

“TRAZAR” O PERCORRIDO DOS PEÓNS

En realidade, o proxecto do Concello dá pé a contar con máis de 43 cámaras

Desta vez, o plan de Bugallo pasa por instalar un mínimo de 43 dispositivos ao longo da zona vella da cidade. Destes, 38 estarían localizados na améndoa histórica; pero poderían ser máis. O obxectivo do circuíto, que virá acompañado dunha tecnoloxía de intelixencia artificial, pasaría por mellorar a xestión do tráfico na cidade, segundo o Concello. Pero o potencial de control desta nova tecnoloxía xera dúbidas en políticos en plataformas.

Segundo destacan dende o consistorio, as cámaras licitadas o pasado febreiro permitirán identificar os vehículos habituais do casco vello para aprender as súas rutas e propoñer, por exemplo, melloras nos seus itinerarios. Ou iso farán unhas 31, porque as outras 12 centraranse en controlar o tráfico dos peóns, e é aí onde comezan a xurdir as suspicacias.

De acordo cos escritos do Concello, este sistema de intelixencia artificial é capaz de identificar vehículos grazas á súa matrícula, cor ou marca; todo co obxectivo de “predicir aglomeracións” ou “axudar na entrega de mercadorías”. O ollo non é menos agudo coas persoas, xa que --segundo os pregos-- as 12 cámaras restantes poderán diferenciar peregrinos de veciños ou mesmo lograr a “caracterización de peóns e trazabilidade dos mesmos”; é dicir, documentar os seus percorridos ao longo da zona antiga tras identificalos pola roupa ou outros trazos.

“PERDEMOS O DEREITO Á INTIMIDADE"

O alcance potencial do sistema, á parte, podería ir máis alá das 43 cámaras anunciadas polo Concello. O prego de adxudicación fala de puntos a controlar --eses 43--, pero non de cantos ollos serán precisos para vixiar cada un destes enclaves. No propio documento contemplan a posibilidade de que a cifra remate sendo maior, sen especificar límite. O Comité Antifascista de Compostela vén de protestar contra a medida pegando carteis nas rúas da zona histórica; un recurso que, segundo eles mesmos recoñecen, poderían ter os días contados a raíz do movemento do administración socialista. Rebeca Castiñeiras, integrante do Comité, traslada o “rexeitamento total” da plataforma ás cámaras; que, segundo destacan, derivarán nunha “perda absoluta do dereito á intimidade”. “Perdemos o dereito a camiñar pola cidade sen sermos controladas e vixiadas”, subliña.

A gran voz crítica contra o proxecto de Bugallo vén de Compostela Aberta, agora na oposición aos socialistas con cinco escanos. Foi precisamente durante o goberno de Compostela Aberta que o Concello conseguiu a subvención europea coa que hoxe o consistorio procede á instalacións das cámaras, incluídas nun proxecto cun custe de 2.146.000€.

GRAVACIÓN DE IMAXES

As cámaras do proxecto poden gravar e almacenar as imaxes durante un mes

Xan Duro, que entón lideraba a carteira de Mobilidade, considera que o actual consistorio está a “desvirtuar” o plan Smartiago, polo que a UE achegou máis de 5 millóns de euros ao Concello. “O goberno do PSOE sacou da manga que ese proxecto de innovación se converte en 43 cámaras máis de vixiancia”, valora. O ex-edil ve inxustificada a medida, á par que incide na suposta colisión con dereitos fundamentais: “non é cuestión do que teñamos que agochar, senón de como se usan as cámaras”, e pon de exemplo o polémico caso da romaría da Maruxaina, en San Cibrán, na que varias mulleres foron gravadas ouriñando para logo colgar as metraxes en webs porno.

Neste momento só hai dez cámaras con gravación de imaxe en Santiago, as dez situadas no túnel subterráneo do hórreo. O circuíto planificado polo Concello estaría dedicado, en principio, á retransmisión en directo do captado; pero na páxina 16 do prego contémplase a posibilidade de gravar e conservar escenas cando o sistema de IA detecte un “evento”; iso si, sempre que difumine ás persoas detectadas. Os vídeos, segundo o mesmo documento, poderán permanecer almacenados ata 30 días antes de seren borrados “automaticamente”. Nese período, os “usuarios” do sistema poderán acceder ás imaxes; e os usuarios, segundo o que se destila na páxina 25, non son outros que os xestores municipais. 

“É POLA NOSA SEGURIDADE”

Na propia zona vella, o anuncio das cámaras recíbese con resignación ou apoio expreso. Este último é o caso de José Manuel Bello Rey, presidente da asociación de comerciantes Compostela Monumental; que xa nas primeiras etapas da polémica --“hai 15 anos”-- era favorable á implantación. Bello Rey non ve intromisión de dereitos: “para nada. Cremos que é pola nosa seguridade, e canta máis seguridade mellor”, explica.

A melodía é un pouco máis cauta no caso de Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños de Fonseca, que congrega a habitantes do casco vello. “A xestión do tráfico vai por aí nas cidades máis avanzadas”, subliña, antes de precisar que o enfoque da mobilidade require dun enfrontamento máis completo, cunha renovación do vetusto plan para evitar aglomeracións e outros problemas habituais nas rúas empedradas. Sobre os dereitos, incide: “o tema está en como se xestiona esa información”.

CONTROLAR O VANDALISMO

Ese viría sendo o temor das voces máis decididamente críticas co proxecto. Galicia Confidencial non conseguiu obter unha versión directa do responsable de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños; pero, nos documentos oficiais, non se recolle que as cámaras teñen obxectivos de control máis alá do tráfico. O prego de adxudicación, á hora de falar de “necesidades non cubertas”, refire tan só cuestións relativas á mobilidade. Porén, no corpo do texto, contémplase a posibilidade de que as cámaras sirvan para apreciar “maletas ou mochilas abandonadas no espazo público” ou mesmo “detectar situacións de vandalismo”; esta última potencialidade no marco das “funcións de autodiagnose” do sistema. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta