Piden á Xunta que prohiba plantar eucaliptos na zona protexida das dunas de Corrubedo

Verdegaia denuncia que o plan para protexer o complexo --publicado este marzo-- chega con 27 anos de retraso.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

“Aínda concordando en xeral co espírito do contido no documento, vimos de presentar alegacións ao mesmo, pois hai algúns puntos que nos parecen mellorables”. Así explican dende a plataforma Verdegaia a resposta legal da plataforma ao Plan achegado pola Xunta de Galicia para comezar a xestionar o complexo das dunas de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán.

Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán | Parques Naturais de Galicia
Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán | Parques Naturais de Galicia

 

A formación ecoloxista galega explica que vén de presentar estas alegación á proposta logo de que a Xunta publicara, no pasado 29 de marzo, o Plan reitor de uso e xestión do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Dende a plataforma celebraron a chegada deste Plan, non sen certa retranca, xa que o parque, “que foi declarado como tal en 1992”, levaría dende entón sen ese Plan --“preceptivo”-- e que debería ter sido tramitado, como moi tarde, en 1994.

 

Demoras á parte, a formación verde subliña que as alegación presentadas teñen máis que ver co carácter “pouco ambicioso” dos obxectivos de conservación que vén de lanzar a Xunta. De acordo coa plataforma, o plan de Medio Ambiente pasa por reducir as especies invasoras dun 75% na Zona de uso limitado e dun 25% no Parque en xeral. “Falando dun prazo de 10 anos, pensamos que cómpre ampliar eses obxectivos a un 90% e un 70%, respectivamente”, engaden.  

 

UNHA CANTEIRA EN PLENO PARQUE NATURAL

 

“Cremos, ademais, que no caso de especies como acacias ou eucaliptos, é necesario prohibir a súa plantación, non abonda con propoñerse evitala”, subliñan dende a plataforma a respecto dunha problemática de especial actualidade nas últimas semanas despois das reiteradas denuncias sobre o plan forestal da Xunta de Galicia e a súa polémica relación con esta especie invasora. 

 

Por outro lado, a plataforma esixe que a Xunta dea marcha atrás no tocante a “permitir a presenza das instalacións dunha canteira dentro dun Parque Natural”. Segundo subliñan na plataforma, o propio documento alerta do "impacto paisaxístico crítico, incompatible cos obxectivos de protección do Parque, deste tipo de instalacións". Por iso solicitan que se poña un prazo para o seu peche e a retirada das súas instalacións da superficie do Parque.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta