Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/04/2021 | Actualizada ás 11:59
Novo tremor de terras no Concello de Ourense. Cando semellaba que Gonzalo Pérez Jácome (DO) comezaba a se asentar na alcaldía, o voceiro do PSdeG-PSOE no consistorio, Rafa Villarino, vén de lanzar un anuncio que ameaza con relanzar de novo o proceso para expulsar ao independente e reactivar o proceso de escolla dun novo alcalde: renuncia a ser candidato.
Villarino anunciou este luns a súa disposición a renunciar a postularse para a alcaldía nunha moción de censura e emprazou ao Partido Popular a asinar esta iniciativa canto antes para “superar a parálise”. Iso si, o candidato seguiría partindo das filas do PSOE, que á fin e ao cabo foi a lista máis votada nas municipais do 2019 e segue a ser o grupo con máis representación na cámara. Por iso, o líder dos socialistas comunicou a súa intención de “poñerse ao lado do candidato ou candidata á alcaldía que propoña o Partido Socialista” para conformar un “goberno local alternativo”.
Villarino remitiu esta mañá un burofax ás direccións local e provincial do PP, no que puxo data límite á formación para “comunicar formalmente” se se suman ou non a esta iniciativa para facer caer o goberno de Jácome: terá que ser antes do sábado 24 de abril. “Eu tomo esta decisión para salvar Ourense e que eu non sirva de pretexto para que o PP non axude a mudar esta cidade. Esta non é unha cuestión de persoas, é unha decisión para a cidadanía, para que Ourense teña posibilidades”, explica.
A decisión de Villarino de presentarse como alcaldable no caso de chegar a esa moción de censura --para a cal PP e PSOE suman apoios de sobra-- fora unha das barreiras aducidas polos populares para manter a Jácome na alcaldía. Con todo, non está claro que a aposta de Villarino vaia facer caer o goberno de DO. A decisión de dar un paso a un lado xa fora trasladada ao voceiro do grupo municipal do PP, Jesús Vázquez, nun encontro celebrado o mércores 7 de abril de 2021, sen obter resposta.
“Baltar dixo que o obstáculo para que nesta cidade houbera un cambio era Rafa Villarino, e que se ese obstáculo se retiraba, en cinco minutos esta cidade tería un alcalde”, lembrou o secretario xeral dos socialistas da provincia. “Nós emprazamos ao PP e a Baltar a que, en cinco minutos, resolva a situación desta cidade, e que permita unha moción de censura, posto que a día de hoxe non hai escusa de ningún tipo para que iso suceda”. Deste xeito, o secretario dos socialistas subliñou que “se o PP non faculta un goberno da cidade é porque está a outra cousa, que é precisamente bloquear o desenvolvemento de Ourense”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.