Acusan á Xunta de permitir a "destrución" de hábitats para dar paso a proxectos industriais

Ecoloxistas en Acción ve ao goberno galego como "principal responsable" da vaga de proxectos en zonas protexidas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2021 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

Continúan as mobilizacións do ecoloxismo galego contra o actual modelo de implantación de eólicos sobre o territorio da comunidade. Nos últimos meses, diversas plataformas verdes veñen de cargar contra uns plans de instalación catalogados de “desordenados” e “caóticos”, e moi criticados pola proximidade dos muíños ás vivendas ou mesmo a fragmentación supostamente irregular dalgúns destas instalacións.

O conselleiro do Medio Rural, José González, no pleno. XOÁN CRESPO
O conselleiro do Medio Rural, José González, no pleno. XOÁN CRESPO

Ecoloxistas en Acción vén de sumar un grao de area máis á loita contra a “eolificación” do territorio tras presentar alegacións contra dous proxectos eólicos na zona de Lalín que, segundo destacan, contarían cun “grave impacto” sobre especies endémicas ameazadas, é dicir, animais que teñen nesa zona un dos seus poucos hábitats en todo o mundo. 

Entre as especies ameazadas por estes proxectos, que estarían dispostos no Val do Folgoso e o Monte dos Porcallos, atópase a píntega rabilonga, un anfibio endémico e ameazado que “conta en Galicia coa maior parte da súa área de distribución mundial”. “Esta especie vese acompañada nos regatos da zona polo furapresas ou “desmán ibérico” (Galemys pyrenaicus), especie de toupa acuática endémica da metade Norte da Península Ibérica, en grave retroceso en área de distribución e efectivos no país. Esta especie é única no seu xénero e conta unicamente cun parente vivo en Rusia”, explican dende a plataforma. 

Ecoloxistas en Acción considera que os proxectos eólicos contemplados para o territorio en cuestión afectarían “gravemente” os hábitats acuáticos destes animais, poñendo en dificultades a súa supervivencia. Por esta razón, subliñan que veñen de presentar alegacións ante o Ministerio de Política Territorial co obxectivo de frear os proxectos.

CRÍTICAS Á XUNTA

Ecoloxistas en Acción, á parte, sinala á Xunta de Galicia como “principal responsable da deficitaria conservación e protección dos hábitats prioritarios” na comunidade. Resaltan que “hai unha evidente falta de compromiso da Xunta de Galicia para frear a vaga de proxectos industriais, tanto enerxéticos como mineiros, en zonas de alto valor ecolóxico”. 

Esta “falta de compromiso coa conservación da natureza”, engaden, “está a ter como resultado unha merma considerable dos efectivos das especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas debido á destrucción do seu hábitat natural”. Tamén denuncian que a maior parte das especies incluidas neste catálogo “carecen de plans de recuperación, como é o caso da tartaraña cincenta (Circus pygargus) ou a gatafornela (Circus cyaneus)”, un feito que “afonda máis o seu precario estado de conservación”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta