Nais e pais denuncian a "aberrante" falta de servizos para crianzas e embarazadas no rural

A asociación Pediatras e Matronas Xa busca socios para facer fronte ás "carencias estruturais" da atención sanitaria a colectivos vulnerables.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/04/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As loitas pola recuperación dunha sanidade pública presencial e polo "emprego de calidade" para os profesionais sanitarios están resoando en toda Galicia. Dende a Asociación Pediatras e Matronas Xa, conformada por un grupo de nais e pais "en defensa da sanidade pública de calidade para as crianzas e as mulleres embarazadas en Galicia", poñen o foco en concreto na "deixadez" da administración pública á hora de atender estes dous colectivos vulnerables, onde é "aberrante" a falta de servizos. Unha "deixadez" que provoca que "as crianzas dun pobo non teñan pediatra e sexan atendidas polo médico de familia, que como moito, fixo un curso de puericultura; ou que as mulleres embarazadas teñan que ser atendidas en hospitais de referencia que poden estar a unha hora de camiño", explica ao teléfono a portavoz da asociación, Vanessa Viquendi. 

Pediatra, consulta bebé. BAYER - Arquivo
Pediatra, consulta bebé. BAYER - Arquivo

Trátase, indica, de "carencias estruturais" que derivan dunha "falta de previsión" por parte da Xunta de Galicia: "Non se pediron novas prazas MIR e non se loitou por cambiar as taxas de reposición. Se non hai pediatras é porque non se quitan prazas para eles, que no canto de ampliarse fóronse reducindo", denuncia.

Esta situación, que afecta directamente á calidade asistencial na Atención Primaria, deriva nunha "merma do servizo" a través de horarios de atención limitados ou servizos inexistentes. "Matronas e pediatras están atendendo en diferentes centros de saúde, atenden só por horas ou un día á semana", denuncia a portavoz, que tamén pon o foco na importancia da variable xeográfica. "As cidades tamén notan estas carencias, pero no rural é moito máis bestia, desabastécese totalmente porque, ao final, os números son os que contan", fala. "Esta falta de servizos prexudica moitísimo o rural, a xente non se anima a vir. E a nivel educativo estamos na mesma", engade. 

Por todo isto, dende Pediatras e Matronas Xa animan a poboación a "formar parte desta iniciativa cidadá e asociarse á rede". "Xuntos e xuntas somos máis fortes para loitar e reclamar os nosos dereitos básicos", apelan á cidadanía galega. "Hai que manter os niveis de benestar nos pobos e aldeas. Para eles priman os números, para nós os nosos fillos. Aínda que é un camiño duro e unha carreira de fondo, manteremos a loita pola saúde das crianzas e das embarazadas ata que consigamos resultados", sentenza Viquendi. Pediatras e Matronas Xa pon a disposición das persoas interesadas en participar da iniciativa este formulario para formalizar as inscricións como socio. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta