Por Europa Press / Redacción | Alacante | 29/04/2021 | Actualizada ás 16:00
O biotecnólogo galego César de la Fuente Núñez (A Coruña, 1986) foi recoñecido este xoves co premio Fundación Princesa de Xirona en Investigación Científica 2021 nun acto en Alacante que se celebrou no centro Cultural 'Las Cigarreras' e que estivo presidido polo rei Felipe VI.
O veredicto deuse a coñecer no transcurso final dun evento que abordou os retos da ciencia e a importancia de mobilizar o talento dos mozos.
De la Fuente recibiu este galardón tras impulsar un proxecto que consiste na creación de novos antibióticos por computador, un feito que foi cualificado polos expertos como de "enorme relevancia social e industrial". Así, destacaron o seu "liderado e excelente traxectoria científica no campo da bioloxía computacional que axunta unha produtividade científica extraordinaria cunha capacidade de transferencia da tecnoloxía desenvolvida".
O xurado, que estivo presidido pola presidenta da Agencia Estatal do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Rosa Menéndez, cualificou o gañador como "un dos innovadores máis importantes do mundo por dixitalizar a evolución para crear antibióticos mellores e a súa actividade en defensa de grupos socialmente desfavorecidos".
Pola súa banda, o gañador mostrou nun vídeo emitido tras o fallo do xurado a súa "honra" e dedicou o recoñecemento ao seu pai, falecido hai 5 anos. Igualmente, recalcou que a ciencia foi "fundamental" nun ano "tan complicado" debido á pandemia e mostrouse confiado en que "os máis pequenos e máis pequenas se convertan en científicos e nos axuden a saír da próxima".
De la Fuente é licenciado en Biotecnoloxía pola Universidade de León e doutor en microbioloxía e inmunoloxía pola University of British Columbia (Canadá), grazas a unha bolsa da Fundación "La Caixa". Así mesmo, realizou estancias de investigación e formación en destacados centros como o Massachusetts Institute of Technology -MIT- (Estados Unidos), grazas a unha bolsa da Fundación Ramón Areces.
Así mesmo, foi designado en 2020 como "mellor investigador novo de EE.UU." pola American Chemical Society e en 2019 elixido "un do dez mellores innovadores do mundo menores de 35 anos en ciencias da vida e a saúde" polo prestixioso Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.