Por E.P. | OURENSE | 03/05/2021 | Actualizada ás 18:43
O catamarán que percorre o río Sil desde o embarcadoiro de Santo Estevo, en Nogueira de Ramuín, acolleu este luns a presentación do XIV Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, que no seu programa inclúe por primeira vez tres concertos en diferentes escenarios da Ribeira Sacra, "o que supón dar máis visibilidade a este espazo natural, histórico e cultural, candidato español a patrimonio mundial pola Unesco", dixo o presidente da Deputación, Manuel Baltar.
Durante a presentación, Baltar felicitou á organización pola selección dos conxuntos e intérpretes, "así como pola contorna escollida para a presentación do festival e, sobre todo, por elixir os mosteiros de Santo Estevo, San Pedro de Rocas e Santa María como escenarios musicais".
Ademais, anunciou que a Deputación de Ourense, como institución colaboradora, e a organización do evento acordaron que, para as próximas edicións, a Ribeira Sacra "sempre acolla algunha actividade e protagonice unha ou varias das actividades programadas neste festival".
O presidente provincial tamén puxo en valor a colaboración institucional, "tanto polo compromiso adquirido pola Deputación con esta cita musical como polo apoio da Xunta", nun momento "no que a cultura necesita máis que nunca da participación das administracións públicas".
O programa do XIV Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso inclúe este ano catro concertos que terán como escenarios Ourense, Nogueira de Ramuín, Esgos e Xunqueira de Espadanedo, a cargo de conxuntos e solistas de referencia no mundo da música clásica procedentes de Italia, Cataluña, País Vasco e Asturias, así como a proxección no Teatro Principal de Ourense dun documental sobre un dos compositores españois máis importantes, José Néboa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.