"O xabarín chega a zonas habitadas e dana cultivos pola presión do eucalipto e a caza"

Ecoloxistas en Acción subliña as súas suspicacias ante os datos de xabarís abatidos este 2020, superior á tempada pasada a pesar das restricións.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2021 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

A pandemia de covid-19 puxo no foco da polémica á caza e os cazadores como nunca antes. Cando no día despois das vacacións de Nadal a Xunta volveu impulsar unha situación de ‘semiconfinamento’, os cazadores seguían a gozar dun réxime de maior mobilidade que, segundo a administración autonómica, tiña que ver co seu papel especial á hora de conservar o medio reducindo as poboacións destes animais. 

Xabarín
Xabarín

Esta circunstancia, xa caída no esquecemento, torna relevante de novo cando se veñen de coñecer as cifras concretas de animais abatidos no pasado ano, e que a ollos de Ecoloxistas en Acción resulta sorprendentes en tanto que, en certos casos, supoñen números substancialmente maiores aos rexistrados no ano prepandemia. Tal é o caso dos xabarís: 17.517 exemplares foron abatidos na tempada de caza do ano pasado, 1.408 máis que na do ano anterior, “a pesares de que en plena pandemia só estaba autorizada a caza excepcional ‘por danos’”, destacan.

Esta última cuestión xera suspicacias na asociación ecoloxista, á que tamén se unen colectivos como Petón do lobo, que ven “inconcibible” este resultado en cifras cando na tempada anterior xa se autorizaran formas de caza “habitualmente prohibidas” para tentar reducir as poboacións deste animal.

"SORTEAR AS RESTRICIÓNS"

Por iso denuncian as consecuencias que ao seu ver está a ter o modelo de caza por danos, que segundo subliñan “pódese levar a cabo durante todo o ano sen respectar épocas de cría”. De acordo coas plataforma denunciantes, este recurso incluso se pode autorizar en todos os terreos cinexéticos “sen respectar zonas de protección da fauna como os vedados”. 

“Se houbo só caza por danos, como é posible que se incrementasen en 1.408 os xabarís mortos?. A resposta é que a caza por danos non se utiliza como excepción senón como forma de sortear as restricións da caza regulada” asevera Nery Díaz, voceira de Ecoloxistas en Acción Lugo.

Por esta razón, as asociacións ecoloxistas veñen de solicitar “con urxencia” a realización dun censo de xabaril, así como unha serie de “estudos da influencia da caza na súa poboación e nos seus comportamentos”. Tamén piden que se procure a conservación do monte con especies autóctonas para que o xabaril poida atopar alimento e acubillo. Sinalan que "os eucaliptais e a propia presión cinexética empurran aos xabarís cara a zonas habitadas incrementando así os danos nos cultivos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta