Laza, Cambados e Padrón, únicos municipios con nivel máximo de restricións desde este venres

Outros 6 concellos terán restricións do nivel alto e 29 de nivel medio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2021 | Actualizada ás 09:58

Comparte esta noticia

Os municipios de Laza (Ourense), Padrón (A Coruña) e Cambados (Pontevedra) son, desde este venres ás 00,00 horas, o tres únicos de Galicia que permanecen co nivel máximo de restricións, en atención á súa situación epidemiolóxica, tal e como decidiu o pasado martes o comité clínico que asesora á Xunta e tal e como se ratifica no Diario Oficial de Galicia (DOG) publicado este mércores.

Así, a autoridade sanitaria determinou que este tres concellos, debido á incidencia acumulada en número de contaxios terán as máximas limitacións, o que significa que estarán pechados perimetralmente, a hostalaría pechada (agás entrega a domicilio ou recollida para levar) e as reunións cínguense a convivintes.

Por outra banda, os concellos de Vilanova de Arousa e Cualedro, verán aliviadas as súas medidas restritivas, ao mellorar a súa situación. Así, Vilanova de Arousa pasará a estar en nivel alto, xunto con outros cinco municipios: A Laracha (que mantén a súa situación), Ribeira (mantén o seu nivel), Oleiros, Lobios e Cangas (estes aumentan o nivel de restricións).

Nestes casos, aínda que non hai peche perimetral, a hostalaría só pode dar servizo en terrazas exteriores, cuxo aforamento máximo será do 50 %.

NIVEL MEDIO E MEDIO-BAIXO

Doutra banda, aplicaranse a partir deste venres medidas de nivel medio (hostalaría ao 30 % en interior e ao 50 % en terrazas, e limitación de reunións a 4 persoas en interior e a 6 en exterior) en Ames, Betanzos, Melide, Noia, Ordes, Lalín, Silleda, Toén, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior, Tomiño, Gondomar, Salceda de Caselas, Fornelos de Montes, Chantada e Carballeda de Valdeorras, que manteñen a súa situación epidemiolóxica.

En nivel medio tamén estarán Fisterra, Barbadás, Bueu, Moraña, Santiso, Carral, Moaña, Valga, Cuntis e Pontecaldelas, que verán aumentadas as súas restricións; así como Cualedro, A Pastoriza e Marín (que suavizarán as restricións que tiñan ata agora).

O resto de concellos galegos estará en nivel medio-baixo de restricións (hostalaría ao 50 % no interior e ao 75 % en terrazas), incluída a cidade de Vigo, tal e como comunicou Sanidade tras analizar o resultado dos últimos cribados.

Varias persoas nunha terraza, o día en que entran en vigor novas medidas na hostalaría, en Vigo / Europa Press. / Europa Press
Varias persoas nunha terraza, o día en que entran en vigor novas medidas na hostalaría, en Vigo / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta