Cada galego reciclou uns 15 quilos de envases lixeiros en 2020, case un 13% máis que o ano anterior

Tamén destaca a media estimada de 15 quilos de papel e cartón depositados por cada galego durante o ano pasado no colector azul.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2021 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

Cada galego reciclou o ano pasado ao redor de 15 quilos de envases lixeiros (plásticos, latas e briks) no colector amarelo, case un 13% máis que o ano anterior. Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a entrega de premios da campaña 'Únete ao reto', onde destacou a boa evolución que experimentou na Comunidade a recollida selectiva ao longo dos últimos anos.

"Galicia recicla cada vez máis e mellor", subliñou a conselleira, destacando o compromiso e o esforzo demostrados pola cidadanía co medio ambiente a través de xestos cotiáns como a separación dos residuos domésticos.

Vázquez explicou que a evolución positiva das taxas de reciclaxe na Comunidade tamén se perciben no caso do colector azul, cunha media estimada de 15 quilos de papel e cartón depositados por cada galego durante o ano pasado.

En total, e á espera de que Ecoembes presente os datos oficiais de recollida selectiva en 2020 no conxunto de España, Vázquez indicou que "todo apunta" a que Galicia manterá a tendencia de incremento da reciclaxe do últimos cinco anos, cunha estimación total de 70.000 toneladas recollidas o ano pasado a través dos colectores amarelo e azul.

A conselleira tamén subliñou o importante papel que xogan as entidades locais a este respecto, colaborando na concienciación dos veciños e na mellora das taxas de reciclaxe a nivel local a través da participación en campañas como esta.

Os Bolechas, de Pepe Carreiro, ensinan o proceso de reciclaxe
Os Bolechas, de Pepe Carreiro, ensinan o proceso de reciclaxe

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta