Temas: DVICIO

Manuel Darriba: "Prefiro situacións e comportamentos extremos"

Xornalismo, poesía, narrativa. Todos estos xéneros podemos atopalos na escrita de Manuel Darriba (Sarria, 1973) , quen nos confesa cales son as súas ideas, obxetivos e influencias no momento de coller a pluma. Unha conversa de Patricia Ares con Sue Rainbow ao obxetivo.

Por Sue Rainbow | Santiago de Compostela | 31/10/2013 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Como inflúe a túa base xornalística no teu xeito de escribir?

Manuel Darriba por www.suerainbow.com
Manuel Darriba por www.suerainbow.com

A todos os escritores que vimos da profesión xornalística, antes ou despois, fannos esta pregunta. E a resposta é obvia e de sentido común: dunha parte, o xornalismo créache unha curiosidade insaciable pola realidade, por observar e tentar entender os comportamentos humanos; doutra parte, o instrumento común dos dous oficios, literatura e xornalismo, é a palabra. Isto último non quere dicir, necesariamente, que todos os xornalistas escribamos cun estilo conciso e económico, pero si que estamos habituados a traballar coa palabra e, polo tanto, temos desenvolvida unha disciplina ao respecto.

Con que xénero te sintes máis cómodo á hora de abordar unha obra?

Nunca penso en termos xenéricos, senón no tipo de personaxes que quero abordar en cada ocasión. Deste xeito, as situacións acaban derivando dos personaxes, á vez que os moldean. En xeral, podo dicir que teño preferencia por situacións e comportamentos extremos, por escribir sobre as manifestacións do poder e sobre como os individuos interactúan coa comunidade e o contexto social circundantes. Moitas veces, en termos de conflito.

Que datos se poden atopar do autor (Manuel Darriba) no protagonista masculino da túa obra O bosque é grande e profundo?

Algo pode atoparse sempre, e non só nos personaxes masculinos, senón tamén nos femininos. Flaubert dicía: “Madame Bovary son eu”. No caso da miña última novela, eu penso que hai algo meu no protagonista masculino que tamén está na protagonista feminina: o estupor ante o mundo.

Que opinas das subvencións na literatura galega? Cres que é un elemento positivo ou, pola contra, pode dar lugar á publicación de moito material pobre?

Os autores non recibimos subvencións. En todo caso, recíbenas as editoriais, en forma de compras de exemplares para bibliotecas (fondos que tamén foron recortados drasticamente). Que o material sexa máis ou menos pobre depende, en exclusiva, do rigor que poña o escritor no seu traballo.

 Cres que os premios que se outorgan en literatura galega teñen unha base fiable?

Os premios poden cuestionarse todos, os da literatura galega e os da islandesa. Hai premios gañados por obras de escasa calidade? Si. Hai obras de gran calidade que non son recoñecidas cando se presentan a un premio? Tamén. Igual que hai premios a obras espléndidas. Ao final, todo depende da subxectividade e gustos persoais dun xurado, simplemente iso.

Un autor do cal recoñezas influencia ...

Non podo citar un autor ou autores concretos e dicir: “este influíume”. Si que admito que lle teño moita estima á literatura norteamericana, tanto a narrativa coma a poesía. Pero ao escribir, máis que en “imitar” a un autor concreto, penso noutras fontes. Por exemplo, na primeira parte d’O bosque é grande e profundo, quixen alcanzar unha certa elevación bíblica, e ao mesmo tempo tiña presente todo o imaxinario tráxico das novelas e películas do Oeste.

Por último, cal é o teu próximo proxecto?

En literatura, estou a traballar poemas e relatos curtos. Rematei unha novela breve e iniciei unha máis longa que houbo que aparcar por falta de tempo. En guion, teño varios proxectos para cine e televisión. Unha produtora de Barcelona vai rodar en primavera unha curtametraxe miña, e eu participarei como coprodutor nun proxecto de longametraxe, tamén sobre guion meu.

Unha entrevista de Patricia Ares

Fotos por suerainbow.com

Sue Rainbow agrade ao hotel NH Obradoiro de Santiago de Compostela a colaboracion na elaboración desta reportaxe.

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta