Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2021 | Actualizada ás 13:05
O Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Santiago de Compostela, en colaboración con Grupo de Investigación e Análise do Tráfico (GIAT) do Sector de Tráfico de Galicia, detivo a un indivudo como presunto autor dun delito de usurpación de estado civil e outro de falsificación de documento público por acudir a examinarse do carné de conducir coa documentación do seu irmán.
Os feitos ocorreron no centro de exames da Xefatura Provincial de Tráfico situado en Santiago de Compostela, cando o detido foi sorprendido portando un N.I.E. supostamente falsificado, expedido a nome do seu irmán, pero cambiou a fotografía pola súa. Co devandito documento esta persoa validara o acceso á plataforma informática e pretendía realizar o exame para a obtención do permiso de conducir simulando ser o seu irmán, indicaron as mesmas fontes.
A Garda Civil procedeu á detención deste individuo como presunto autor dun delito usurpación de estado civil e outro de falsificación de documento público, así como á investigación do seu irmán como presunto coautor e cooperador necesario para a realización de ambos. O detido, xunto coas actuacións realizadas, foi posto a disposición do xulgado de Instrución de garda de Santiago de Compostela.
A Benemérita lembra que o delito de usurpación do estado civil atópase recollido no Código Penal e castigado coa pena de prisión de seis meses a tres anos. E o delito de falsidade cometido por particulares en documento oficial está tipificado con pena de prisión de seis meses a tres anos e multa de seis a doce meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.