Vidal Romaní, xeólogo: "a zona de Laza non é de gran risco"

Falamos co profesor emérito e gran referente da xeoloxía en Galicia, Xosé Ramón Vidal Romaní, sobre a actividade sísmica que se está a rexistrar estes días na zona de Laza.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/05/2021 | Actualizada ás 19:49

Comparte esta noticia

Na madrugada deste venres, a tras unha semana na que se rexistraron máis de 50, produciuse o seísmo de maior magnitude en Galicia durante os últimos anos: de 3,9 de magnitude na escala Richter. O terremoto tivo como epicentro o concello de Laza pero sentiuse a centos de quilómetros.

Terremoto rexistrado en Laza (Ourense).. INSTITUTO XEOGRÁFICO NACIONAL
Terremoto rexistrado en Laza (Ourense).. INSTITUTO XEOGRÁFICO NACIONAL

GC fala co profesor emérito e gran referente da xeoloxía en Galicia, Xosé Ramón Vidal Romaní, sobre os terremotos que están a acontecer na provincia de Ourense e as características xeolóxicas da nosa comunidade. 

-A zona de Laza está a rexistrar moita actividade sísmica, aínda que de baixa intensidade, dende hai unha semana. O IGN comunicou que non se trata dunha situación alarmante pero non descarta tampouco que os tremores continúen. Cal é o comportamento habitual dunha situación así? Existen criterios para saber canto pode durar?

Normalmente no Instituto Xeográfico Nacional o que miran é o que acontece estatisiticamente. Non teñen ningún rexistro fixo. Por exemplo eu lembro que hai uns meses en Granada estiveron un mes con estas cousas, de maneira que se sucedeu en Granada tamén pode suceder aquí. Pero ninguén pode dicir dunha maneira exacta "isto vai rematar agora ou isto vai durar tantos meses". Se nos guiamos por feitos que teñen sucedido en momentos recentes noutras partes de España, a situación pode continuar durante meses.

O que si é certo é que a zona de Laza non é unha zona de gran risco. Non ten grandes montañas, son zonas con pouco relevo, de maneira que xa podemos avanzar que non vai ser periogoso. Como si podería ser, por exemplo, se isto mesmo estivera a suceder en zonas da costa como Burela ou Foz. Aí si podería ser que tiveramos que preocuparnos un pouco máis porque nese caso sería posible que se desencadeara un tsunami. Pero no interior de Galicia, nunha zona con tan pouco relevo, hai que supor que non vai haber un gran deslizamento de terra ou de rocha (que sería o risco máis grande) que desencadeara un desastre.

- O valor máis alto rexistrouse a pasada madrugada con 3,9 graos na escala Richter. É posible que estes valores vaian en aumento?

Ocorre o mesmo. Normalmente en fenómenos deste tipo un guíase polo rexistro histórico previo. Quero dicir, que se nunca houbo un sismo máis grande é pouco probable superar ese límite. Temos o exemplo do que ocorreu en 1997 en Triacastela, Sarria e Becerreá. Non chegou a seis e damos por suposto que non imos superar ese límite. Non é un criterio científico, é simplemente un criterio estatístico. 

De todas maneiras, hai rexistros, probas de terremotos previos á época non histórica. Temos datos deles a partir de sedimentos ou derrubamentos de rocha que nos din que no pasado (tampouco sabemos exactamente cando) houbo sismos máis grandes. É dicir, tampouco convén descartar de forma definitiva a posibilidade de que haxa sismos cunha intensidade maior, pero se nos atemos a datos históricos non vai haber un sismo superior ao de 1997, que sería o máximo.

- Respecto desa magnitude máxima alcanzada no sismo de Triacastela, pode resultar xa un valor perigoso ou que supoña riscos persoais ou materiais?

Non, porque as normas de construción de arquitectura garanten que os edificios e as pontes, se están ben feitos, resistan perfectamente calquera sismo que teña esa intensidade. A mellor garantía é que estamos nun país civilizado que goza dunhas normas de construción que impide que aparezan problemas se os edificios foron construidos dacordo coas normas. Claro que se un señor constrúe a súa casa por conta propia e sen ter detrás un proxecto arquitectónico, poden ocorrer desgrazas.

Os desastres que están relacionados con sismos acontecen cando se fan construcións moi próximas a grandes montañas porque se poden producir deslizamentos de rochas.Habería que distinguir entón entre a propia construción e a situación dunha aldea ou vila, xa que se está proxima á unha montaña ou á beira do mar pode supoñer un risco.

De feito na costa galega hai moitos sitios nos que as construcións se fixeron de maneira ilegal á beira do mar e mesmo aproveitando recheos. Aí tes un risco engadido pola conta de quen autorizou iso. De forma que se hai un tsunami non hai salvación ningunha, do mesmo xeito a como pasa no Mediterráneo. É unha zona de risco máximo porque non só ten montañas, tamén ten volcáns. Toda a costa mediterránea de España está suxeita a risco moi grande, así que hai que esperar que non haxa ningún problema porque entón si que non hai salvación.

- Tendo en conta o precedente que comentabas antes, o sismo do 1997, semella que hai máis actividade sísmica no interior de Galicia que na costa. Isto débese a certas peculiaridades ou diferenzas en termos xeolóxicos?

Pois si, débese a unha razón moi clara. Nas zonas interiores de Galicia temos (aínda que non é no caso de Laza, que é un pouco diferente, pero si no caso de Triacastela) as alturas máis elevadas alcanzadas polas montañas. E normalmente os tremores adoitan estar vencellados a zonas de grandes elevacións montañosas precisamente porque as zonas máis elevadas están formadas por procesos tectónicos que son os que orixinan os terremotos. 

No caso da costa é diferente porque aí temos outro tipo de "problema". Son zonas de subdución e o que produce iso é o que está pasando por exemplo no oeste de Sudamérica, na zona dos Andes ou en Xapón, pero é unha cousa diferente.

- E respecto a España, somos un territorio máis propicio aos fenómenos sísmicos?

O máis periogoso está no sur, no estreito de Xibraltar. Despois seguiría a costa mediterránea, os Pireneos e Galicia, que sería digamos "a última": a zona menos perigosa ou a que ten menos posibilidades de rexistrar grandes tremores. Aínda que tanto en Galicia como na costa mediterránea as posibilidades de que houbera un tsunami son as máis grandes, por suposto. Ese sería outro risco, o dos terremotos combinados con ondas.

Pero digamos que das catro zonas máis importantes de risco sísimico, Galicia sería a máis benigna mentres que no resto de España non hai posibilidade de que haxa terremotos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta