Os principais problemas da violencia de xénero no rural: machismo e falta de recursos

A falta de oportunidades laborais, a dependencia dos seus agresores e unha mentalidade machista arraigada fai que as mulleres do campo estean máis expostas a sufrir este tipo de abuso doméstico, segundo Fademur. A secretaria xeral de igualdade expón que xa se está traballando para mellorar a situación.

Por Patricia Otero | Santiago de Compostela | 28/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Normalmente cando se fala de violencia de xénero é habitual asociar isto a un problema propio das cidades e dos entornos máis urbanos. Pero no rural tamén se obseva como estas agresións afectan de maneira moi considerable ás mulleres que viven nese entorno. Lara Fuentes, técnica de igualdade da Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (Fademur) alerta de que o feito de vivir nun lugar onde se teñen máis interiorizados os estereotipos de xénero, fai máis susceptiples para sufrila e tamén para normalizala.

Imaxe recurso de violencia de xénero. XUNTA DE GALICIA
Imaxe recurso de violencia de xénero. XUNTA DE GALICIA

A violencia de xénero é unha das grandes lacras que afecta á sociedade na actualidade. Durante este ano de pandemia produciuse un aumento dos casos de violencia de xénero debido ao maior contacto coa parella, ao pasar máis momento de convivencia, e tamén ao non ter a posibilidade de facer actividades de ocio que axudaran a compartir o malestar e facilitaran á detección do problema. Ademais, segundo os datos facilitados pola secretaria xeral de igualdade, Susana López Abella, en 2020 descenderon en 370 o número de denuncias.

No rural é nun dos entornos onde as mulleres están máis expostas s sufrir violencia de xénero. En España máis do 36% das mulleres asasinadas vivían en contornas rurais. Fuentes explica que a maioría de mulleres que sofren violencia teñen arraigadas crencias machistas. Ademais, a falta de anonimato que se vive nas no rural fai que tarden máis tempo en dar o paso a denunciar ou poñer fin á relación.  

Por outra banda, o 33% das mulleres do rural cre que a violencia de xénero é un problema privado, non ven ese factor social. "Convivir nun espazo que é sexista e á vez ver a violencia de xénero como algo individual e non social fai que sexan máis susceptibles a vivila e non detectala nin denunciala", destaca  a técnica de Fademur.

AS MULLERES MAIORES DE 65 ANOS TAMÉN A SOFREN

Moitas veces asociamos o perfil de vítima a unha determinada idade pero a violencia afecta a mulleres de todas as épocas. Aínda que as que acoden aos recursos de atención están entre os 25 e os 50 anos, isto non quere dicir que as maiores non o sufran. 

Nesta franxa de idade é mais habitual que as señoras teñan unha maior dependencia dos seus agresores, tanto econonicamente como de mobilidade, ao non contar moitas delas co carné de conducir. Ademais, ao asociar á vítima con outro perfil fai que se invisibilice este grupo e que elas mesmas non se sentan identificadas. Asemede, nesta franxa é habitual que teñan o machismo interiorizado. "Para moitas mulleres maiores romper con esas relacións, que moitas veces son de décadas, tamén supón romper con ese rol de esposa esperado para elas", expón Fuentes 

Nesta idade os episodios de violencia pódense percibir como algo normal e o feito de ter que romper coa parella como un fracaso persoal. "Uhha muller con esa idade tamén ten máis medo e ten menos confianza en si mesma para rachar con todo e comezar unha vida nova", destaca Fuentes.

Ante esta situación López Abella recalca que "na Xunta estamos a facer un esforzo importante para chegar ás mulleres deste rango de idade que son vítimas de violencia de xénero, xa que moitas veces non denuncian os casos". 

NECESIDADE DE RECURSOS E INICIATIVAS

Un dos grandes problemas do rural é a falta de recursos e o descoñecemento. De feito, a técnica de igualdade de Fademur conta que moitas mulleres do mundo rural denuncian que non coñecen os recursos dos que se dispoñen ou que se os coñecen teñen dificultades para acceder a eles. "Moitas delas non teñen coche propio e tampouco hai unha liña que as poida deixar nas vilas nas que hai centros de información á muller", explica.

Con todo, López Abella comenta que se está traballando para implementar máis recursos nas zonas rurais e que dende fai anos están levando a cabo campañas focalizadas no ámbito rural. De todas formas, destaca a necesidade de que no reparto que o Estado fai dos fondos destinados para as Comunidades Autónomas en relación á violencia de xénero se deberían ter máis en conta os núcleos singulares de poboación. 

IMPORTANCIA DA DETECCIÓN

A violencia de xénero vai aparecendo de forma sutil. As mulleres que a sofren perden pouco a pouco a confianza en si mesmas e deixan de manter o contacto cos seus familiares e amigos. "Se vemos que algunha muller deixa de facer actividades que antes facía e de relacionarse debemos acender algunha alarma", explica Fuentes.

López Abella destaca a labor da atención primaria para detectar que unha muller está sendo vítima de violencia de xénero. Tamén enfatiza a importancia do trato psicolóxico que se lles dá nas sedes xudiciais xa que "o momento máis duro dunha muller vítima da violencia de xénero, despois do maltrato, é cando dá o paso de denunciar e enfrontarse despois a un proceso xudicial", comenta.

A volta á normalidade dunha muller que sufriu maltrato non e fácil. Por iso dende a Xunta están levando a cabo iniciativas que axuden á súa recuperación como por exemplo o fomento para a súa contratación ou axudas para a mobilidade ou para apoiar a independencia económica. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta