A Xunta marca o obxectivo de que ardan menos de 17.000 hectáreas en 2021

A provincia de Ourense acumula 27 das 35 parroquias de alta actividade incendiaria.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2021 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

A Xunta marca o obxectivo de que ardan menos de 17.000 hectáreas en incendios forestais ao longo deste 2021, a media do queimado na última década en Galicia tras quitar o valor máis alto e baixo da serie. Así figura no plan de loita contra o lume da Xunta (Pladiga), que recolle Europa Press, nun ano no que se fixa como "óptimo" un obxectivo similar en hectáreas ao anterior exercicio.

En 2020 arderon 14.806 hectáreas, máis que a suma de 2019 (6.835 hectáreas) e 2018 (2.600 hectáreas), pero lonxe do 2017 (máis de 62.000 hectáreas), ano da vaga de lumes. De tal forma, o período de alto risco de incendios será entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, coa posibilidade de prolongalo un mes en outubro en función das condicións meteorolóxicas.

MÁIS OBXECTIVOS

Así, entre as metas tamén se establece que haxa menos de 513 incendios en 2021, así como que se declaren menos dunha ducia de situacións de tipo 2 --que levan risco para casas--. Ademais, traballarase para quedar por baixo das 5.147 hectáreas de superficie arboredo arrasado. Igualmente, tentarase reducir de 6,70 hectáreas a media de cada lume --en 2020 rexistrouse case unha media de 10 hectáreas por incendio--.

O tempo de reacción ante as chamas especifícase en menos de 21 minutos, cunha extinción que non debe superar o catro horas e 19 minutos. Respecto dos fins polos que aposta o Pladiga, volve atoparse, do mesmo xeito que fixo en 2020, elaborar un novo borrador de lei de prevención e defensa contra incendios forestais en Galicia, así como dun procedemento de participación do persoal do servizo (Spdcif).

CREACIÓN DE UNIDADE DE INVESTIGACIÓN

Entre as novidades deste Pladiga, atópase a creación dunha unidade de investigación de incendios, sobre a cal a Xunta sinalou que será "de elite". Estará formada por 15 integrantes da escala de axentes ambientais. Segundo figura no Pladiga, tres desas prazas serán de nova creación --un axente autonómico como máximo responsable da unidade e dúas de axentes coordinadores adxuntos a este--. O resto de compoñentes serán dos actuais servizos provinciais, que estarán adscritos a un determinado territorio, aínda que con nivel de actuación en toda a comunidade.

O Goberno galego destaca que esta unidade busca a súa especialización nas súas facetas policial e forestal nos incendios para unha melloría da investigación. A desvinculación dos axentes do ámbito tradicional do distrito, sostén a Xunta, permitirá unha mellor focalización naquelas zonas máis castigadas pola actividade incendiaria. Ademais, supoñerá a súa especialización tanto na investigación no terreo como a tramitación administrativa e xudicial dos procedementos, dado que os axentes non terán que realizar o resto de tarefas asignadas ao resto da escala. Todo co fin de "incrementar" a detención de presuntos incendiarios.

Esta cuestión provocou que sindicatos como CC.OO. criticasen esta medida, ao considerar que a selección da Xunta será "a dedo" e suporá unha detracción de recursos do funcionamento do corpo sen a creación de novas prazas. Paralelamente, seguirá activo do teléfono (900 815 015), posto en marcha en xuño de 2019, para que os cidadáns poidan alertar de forma anónima acerca de incendiarios.

ALZA DE PARROQUIAS DE ALTO RISCO

Este ano as parroquias de alto risco ascenden a 35 --en 25 municipios--, de forma que son sete máis que as 28 do ano anterior. Son as chamadas Parroquias de Alta Actividade Incediaria (PAAI). En concreto, este ano saen da lista nove parroquias, sete ourensás e dúas pontevedresas: Vales, no municipio de Cea; Quins (Melón); A Corna (Piñor); San Miguel de Bidueira (Manzaneda); A Granxa (Oímbra); O Pereiro (A Mezquita); A Gudiña, parroquia homónima do municipio; Valeixe (A Cañiza); e Pontellas (O Porriño).

Mentres, entran na lista un total de 16 parroquias: 12 de Ourense, dúas da Coruña e dúas de Pontevedra. As parroquias que entran son: Cures (municipio de Boiro); O Pindo (Carnota); Ourense, parroquia do municipio homónimo; Queixa (Chandrexa de Queixa); Paradela (Manzaneda); A Esculqueira (A Mezquita); Chaguazoso (Vilariño de Conso); San Millao (Cualedro); A Fraga (Lobeira); Rebordechau (Vilar de Barrio); Guillamil (Rairiz de Veiga); San Paio de Araúxo e Río Caldo (Lobios); Randín (Calvos de Randín); Dozón, parroquia homónima do municipio; San Xurxo de Salceda (Salceda de Caselas).

De tal forma, a provincia de Ourense encabeza o total de parroquias de alto risco de incendio, con 27 das 35 existentes en Galicia. Na Coruña hai seis, mentres en Pontevedra son dous. Lugo non rexistra ningunha. Manzaneda, A Gudiña e Vilariño de Conso son os municipios con máis parroquias de alta actividade incendiaria, con tres en cada caso.

MÁIS MEDIOS AÉREOS DA XUNTA E MENOS DO ESTADO

En relación aos medios aéreos para a actual campaña, serán preto dunha trintena entre naves do Goberno galego e o Estado. Os medios aéreos da Xunta increméntanse de 17 a 19, xa que se incorporan dous helicópteros lixeiros, coa achega de catro novas brigadas helitransportadas. En cambio, os do Estado baixan, pois pasan dunha pinza de entre 9 e 11 medios en 2020 a unha entre 8 e 9 en 2021.

Nun operativo que conta con 7.000 persoas entre a Xunta e diferentes administracións, as motobombas dependentes dos concellos crecen de 202 a 221. O total de motobombas de todo o operativo é de 378. Xunto a isto, hai melloras tecnolóxicas como a posibilidade de que os equipos dispoñan en tempo real de datos de evolución das chamas, ademais da instalación de 22 videocámaras --son un total de 142 en 71 localizacións que cobren cercan do 70% do territorio--. Tamén hai unha decena de drones.

O XURÉS SOFRE MÁIS DE 200 INCENDIOS NUNHA DÉCADA

Na análise que dedica este plan aos incendios dos últimos anos, figura un apartado que aborda os lumes en espazos protexidos. Aquí, obsérvase que, entre 2011 e 2020, arderon máis de 71.000 hectáreas de Rede Natura, o que supón ao redor do 15% da superficie das máis 475.000 hectáreas existentes. No tocante a parques naturais, queimáronse nesa década unhas 14.000 hectáreas, o 28,5% dunha superficie de 49.000 hectáreas. Neste punto, chámase a atención sobre que o máis castigado é o de Baixa Limia-Serra do Xurés, afectado por máis de 200 incendios no decenio.

A MAIORÍA DE LUMES COMEZAN POLA TARDE

Ademais, realízase un estudo da distribución horaria dos lumes. Na última década, entre as 14,00 e as 21,59 horas iniciáronse o 57% dos lumes. O pico de comezo de lumes prodúcese ás 16,00 horas (2.214). A madrugada e as primeiras horas da mañá son cando hai unha menor actividade incendiaria. Con todo, cada hora que vai das 22,00 ás 0,59 horas da madrugada rexistra máis dun milleiro de lumes iniciados por tramo.

Incendio de Cualedro (Ourense).. Rosa Veiga - Europa Press
Incendio de Cualedro (Ourense).. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta