Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2021 | Actualizada ás 20:21
A Plataforma SOS Patrimonio Monte do Gato Seselle considera "insostible" a implantación de aeroxeradores de gran porte na contorna do Monte do Gato, no corazón da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, posto que, segundo indican, "nos plans da promotora do parque eólico Penas Boas, estase a falar de máquinas de 4,2MW, 123 metros de fuste e 150 metros de diámetro de rotor, chegando a alcanzar os 200 metros de altura en punta de pa".
Para este colectivo resulta "ilusiorio pretender, como afirma a promotora (Greenalia), que este tipo de instalacións non vaian ter impacto na Ruta Xacobea, dado que en liña recta o Camiño Inglés sitúase a menos de 14 quilómetros e en relación co Camiño do Norte atópase incluso máis próximo", sinalan.
A isto, ademáis, a plataforma suma "o impacto acumulado dos outros cinco parques eólicos proxectados na zona, como son o Felga e o Gato, tamén de Greenalia, e o Feás, o Fontella e o Seselle, promovidos pola empresa Galenergy". Nestes casos, segundo indican no comunicado, a distancia ao Camiño Inglés a Santiago é de 8,5 km. (Felga), 10 km. (Gato), 11 km. (Feás), 10 km. (Fontella) e 8,5 km. (Seselle).
Por este motivo, a plataforma reclama unha análise profunda do impacto desta rede de 6 parques eólicos e 40 aeroxeradores, razón pola que está a preparar a correspondente solicitude de amparo á Federación de Asociacións do Camiño de Santiago ante o que considera unha situación "de todo insostible non só no referente á protección do medio ambiente, senón a nivel patrimonial".
OS VALORES DO CAMIÑO DE SANTIAGO
A entidade recorda que dende 1993, "o Camiño de Santiago está declarado Patrimonio da Humanidade, ademáis de ser un Ben de Interés Cultural de incomparable beleza patrimonial e paisaxística en activo durante máis de mil anos", segundo a UNESCO "seguindo aínda as súas traxectorias orixinais e conservando as súas características históricas como testemuña destacada do poder e a influencia da fe entre as persoas de todas as clases sociais e orixes na Europa medieval".
"Non pode entenderse", logo, "como en pleno Xacobeo 2021 pode propoñerse sequera a tramitación de tales proxectos, cun declarado impacto visual sobre unha das mellores paisaxes do norte galego, única polas súas características e singularidade e un ben a protexer, respectar e mellorar para as xeracións que están por vir", sentenzan no comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.