Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/06/2021 | Actualizada ás 12:50
O xurado do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade acordou por unanimidade concederlle o premio á obra presentada por Marta María Lado, baixo o lema "E despois merendamos" e de título "A pita xefa". O certame convocado por Baía Edicións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, procura promover a educación en igualdade e como "homenaxe a todas as persoas que fixeron a aposta de escribir literatura infantil non sexista", concede un premio en metálico de 2 500 € e a edición da obra, en formato álbum ilustrado, na colección de Baía Edicións “Contoxconto”.
Entre os motivos polos que elixiron a Marta María Lado como merecedora do premio destacan que "a temática se axusta estritamente ás bases, criticando os roles de xénero tan asentados
na nosa sociedade e loitando contra os estereotipos, cunha historia orixinal, divertida e
reivindicativa sen caer en dogmas nin estereotipos". Así como tamén que a historia se enmarca nun mundo animal natureza "co que é doado que se identifiquen as lectoras e
lectores aos que vai dirixida, considerando un acerto o emprego da imaxe do galiñeiro,
que ilustra perfectamente as leis que rexen o comportamento dos distintos individuos
que o forman, piramidal e dominada polo galo".
O xurado considerou tamén para a súa elección o bo emprego do galego, que está "moi coidado, presentando estruturas e léxico do noso, resultando un texto fresco, divertido, con musicalidade, conectado con refráns e bastante retranca". Ademais, consideran que se trata dun texto rico en imaxes que favorecerá o traballo de ilustración da obra e que "abre a porta a unha mudanza dos comportamentos estabelecidos dun xeito lúdico sen caer no dirixismo e tratando á rapazada con intelixencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.