Cada galego recicla de media dous envases de vidro máis que a media do Estado

Así o reflicten os datos de "Ecovidrio" en relación a 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2021 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

Cada galego reciclou de media 63 envases de vidro durante o ano 2020, dous máis que a media do Estado, que quedou en 61 por habitante.

Os datos de Ecovidrio reflicten o "compromiso" da cidadanía galega coa reciclaxe, segundo informa a Xunta nun comunicado, no que resalta as cifras solicitadas durante un ano marcado pola pandemia e a súa repercusión na hostalaría, responsable de máis da metade dos envases de vidro do mercado.

Así, o aumento da reciclaxe nas casas suavizou a caída no nivel de reciclaxe por culpa do parón sufrido na actividade da hostalaría. E é que en Galicia baixou un 5% o global de envases de vidro reciclados, unha porcentaxe que se eleva ao 11% no conxunto estatal.

En concreto, os cidadáns galegos depositaron de forma separada case 50.000 toneladas de envases de vidro (49.380 toneladas) o que supuxo máis ou menos uns 18,3 quilogramos por habitante, medio quilo máis que a media alcanzada a nivel estatal.

Con todo, tamén aumentou o volume de envases mal separados, que foron depositados no lixo dentro da bolsa negra (colector convencional). Neste sentido, a central de Sogama en Cerceda recuperou 20.600 toneladas de envases de vidro, un 8,5% máis que o ano anterior.

Segundo a Consellería de Medio Ambiente, a reciclaxe de vidro evitou a emisión de máis de 40.500 toneladas de CO2, o que equivale "a retirar case 19.000 coches da circulación durante un ano", a evitar "a extracción de 84.000 toneladas de materias primas da natureza, máis de oito veces o peso da Torre Eiffel" ou ao gasto enerxético de "todos" os hospitais galegos.

AVISTAMENTO ARROACES

Por outra banda, a Xunta lembra nun comunicado que os arroaces son animais silvestres e, por tanto, non se debe intearctuar con eles.

A administración autonómica sae ao paso do episodio vivido na ría de Muros e Noia, onde, o pasado fin de semana, varias persoas se bañaron e interactuaron cun exemplar de Tursiops truncatus.

Medio Ambiente incide en que a situción de illamento e a soidade do arroaz desta ría galega fai que aumente a súa curiosidade polas actividades humanas, pero é preciso ter en conta que é un animal silvestre e que non debe molestarse nin interactuar con el.

PROXECTO 'TERRA'

Ademais, tamén no marco da Semana do Medio Ambiente, que vivirá o seu día grande este sábado 5 de xuño, máis de 300 escolares galegos dunha ducia de centros de primaria e secundaria coñecerán algúns dos lugares emblemáticos de localidades como Santiago, Allariz, Pontevedra e Ferrol.

Estas actividades encádranse no proxecto "Terra", co que se pretende achegar a arquitectura, territorio e a paisaxe aos máis pequenos a través dunha iniciativa xurdida no ano 2000 baixo a colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia e a Xunta.

Arquivo - Unha muller reciclando un residuo de envase de vidro no colector verde. ECOVIDRIO - Arquivo
Arquivo - Unha muller reciclando un residuo de envase de vidro no colector verde. ECOVIDRIO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta