A Deputación da Coruña e a Xunta crean unha mesa de traballo para o impulso do Camiño Inglés

O presidente provincial remarcou que esta iniciativa busca "a implicación de todo o tecido social, empresarial, comercial e institucional", ademais de resaltar a importancia destes camiños do Xacobeo para o mundo rural.

Por E.P. | A CORUÑA | 03/06/2021 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia constituíron unha mesa de traballo para impulsar o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía, nun acto presidido polo titular do organismo provincial, Valentín González Formoso, e o vicepresidente primeiro e conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda, e con representación de distintos sectores.

En concreto, o Pazo de Mariñán acolleu o acto de constitución da citada Mesa na que participan institucións, universidades, concellos e entidades de representación social e económica das comarcas e concellos polos que discorren estes itinerarios xacobeos.

Nesta xornada, xa se debateu a primeira proposta, presentada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), para que se inicie a tramitación do expediente de inclusión do Camiño Inglés na lista de Patrimonio Mundial da Unesco.

No acto, o presidente provincial remarcou que esta iniciativa busca "a implicación de todo o tecido social, empresarial, comercial e institucional", ademais de resaltar a importancia destes camiños do Xacobeo para o mundo rural. "Xera unha economía alternativa", sinalou.

Por outra banda, destacou que a Deputación leva desde hai tempo promovendo "unha aposta clara polo Camiño". "Con iniciativas como a mellora das sendas e trazados de todas as variantes, a oferta de mellores servizos ou a firma de convenios para facer investimentos en centros históricos dos municipios polos que discorre".

POTENCIALIDADE DE GALICIA

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña na promoción turística de Galicia e apelou ás potencialidades que ofrece esta autonomía no actual contexto sanitario.

"A xente vai buscar unha serie de valores que antes se cadra non se tiñan en conta e iso ofrece Galicia, o Camiño e a provincia da Coruña", expuxo Rueda, quen destacou que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos con todas as garantías.

Neste contexto, a Xunta activou esta semana o seguro coronavirus, de carácter gratuíto e que permite cubrir os gastos sanitarios ante un posible caso de infección por Covid-19 ou pola prolongación da estancia por corentena.

Constitución da Mesa de Traballo para impulsar o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía. TORRECILLA
Constitución da Mesa de Traballo para impulsar o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía. TORRECILLA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta