Radon na Torre de Hércules: o patrimonio galego non escapa ao gas canceríxeno

Científicos do CSIC, en colaboración co Laboratorio de Radon de Galicia, atoparon fontes importantes deste gas no faro romano, Patrimonio da Humanidade.

Por Alberto Quian | Madrid | 09/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os muros de edificios históricos poden concentrar importantes cantidades do gas canceríxeno radon. Investigadores do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), en colaboración co Laboratorio de Radon de Galicia, fixeron probas na Torre de Hércules, na Coruña, onde atoparon fontes importantes deste gas.

Torre de Hércules, na Coruña / Fotografía de Ana Maria Santorum, en https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0360132321004091.
Torre de Hércules, na Coruña / Fotografía de Ana Maria Santorum, en https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0360132321004091.

Os investigadores fixeron análises neste faro romano, Patrimonio da Humanidade, partindo da “crecente preocupación” pola presenza de radon en edificios, enfocada neste caso non a edificacións modernas, onde xa se teñen feito importantes estudos, senón ao patrimonio histórico. Para o seu estudo seleccionaron a icónica Torre de Hércules.

Na investigación atopouse unha “exhalación intensa” de radon “favorecida polas xuntas entre perpiaños”.

Os científicos atoparon importantes taxas de exhalación de radon en recheos de elementos grosos da construción “máis ou menos uniformes en todos os pisos, independentemente da elevación e, en consecuencia, da distancia do chan”.

Isto, din, debería “abrir unha nova vía exploratoria para remedios [contra o radon] que necesariamente deberían abordar todas as emisións, en lugar de considerar o chan como única ou principal fonte do gas”.

As probas na Torre de Hércules fixéronse en muros de até 2,3 metros de espesor e recheos de opus caementitium, coñecido como formigón romano. Na investigación atopouse unha “exhalación intensa” de radon procedente desas pezas arquitectónicas, “favorecida polas xuntas entre perpiaños”, indican.

As construcións históricas “constitúen un caso singular onde os materiais de construción contribúen á concentración de radon interior cunha taxa comparable á do chan”, advirten os autores do estudo, para os que a intervención contra o radon “supón un desafío particular” pola protección especial que reciben estas edificacións e pola súa singularidade estrutural.

Os investigadores recordan que a Torre de Hércules foi sometida a varias remodelacións ao longo dos seus dous milenios de historia, sendo hoxe o principal atractivo turístico da Coruña e un dos máis importantes de Galicia. Nela, o granito é o principal material e érguese sobre chan natural. O resto da torre está construída con diferentes formas de granito.

Os expertos instalaron detectores de radon por todos os niveis da torre e os datos foron procesados no Laboratorio de Radón de Galicia. A idea era determinar as concentracións deste gas e ver se estas diminuían ou non a medida que se elevaba a altura desde o solo.

“Un perfil vertical no que as concentracións diminúen coa elevación ascendente pode identificar o chan coma fonte [do radon], mentres que un perfil máis uniforme pode indicar que unha parte significativa da concentración se pode atribuír aos materiais que rodean todos os espazos do edificio”, clarifican os responsables do estudo.

En todos os niveis, agás na planta da entrada principal exterior, as concentracións medias de radon foron “altas"

En total, analizaron 11 lecturas de concentración de radon en todos os niveis, durante tres meses, entre o 18 de xullo e o 27 de outubro de 2017.

En todos os niveis, agás no da planta da entrada principal exterior, as concentracións medias de radon foron “altas, dende 1.178 Bq/m3 no soto, ata 1.429 Bq/m3 no segundo andar”, detallan. Na planta baixa os rexistros foron de 666 Bq/m3, no primeiro nivel 1.196 e no terceiro 1.200 Bq/m3.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Unión Europea (UE) marcan o limiar en 300 Bq/m3 (becquerelios por metro cúbico de aire) para establecer medidas de mitigación do risco para protexer a saúde das persoas. 

Como recordan os investigadores do CSIC e da USC, “a concentración de radon interior normalmente atribúese ao chan” e observouse que “diminúe” a medida que aumenta a altura. Porén, no caso da Torre de Hércules non se dá ese patrón.

“Dado que as concentracións atopadas aquí foron bastante uniformes e aparentemente non relacionadas coa elevación, a hipótese de traballo foi que había fontes significativas de exhalación en todos os niveis, o que contribuía á concentración de radon en taxas similares ás do solo”, explican.

Esta singularidade podería deberse ás técnicas romanas de construción empregadas neste monumento: opus vittatum e opus quadratum.

Os investigadores sinalan que a maior parte do radon que se acumula na torre non se pode atribuír ao propio material superficial (granito), senón ao material de recheo

Os investigadores tamén salientan que as taxas de exhalación de radon rexistradas aquí foron “superiores ás informadas por outros autores para materiais de construción”.

Observouse, ademais, que as taxas de radon eran máis altas nas paredes máis grosas, o cal “suxire que o radon no recheo da parede interna pode migrar preferentemente ao espazo interior a través das xuntas”, aportan.

“Esa singularidade, xunto coa enorme masa do material de recheo, podería explicar os valores de exhalación de magnitudes máis características dos solos que dos materiais” de construción, expoñen os científicos.

Con base nas súas análises, expoñen que a maior parte do radon que se acumula na torre non se pode atribuír ao propio material superficial (granito), senón ao material de recheo.

Os investigadores valoran que os seus achados “abren unha nova vía para explorar este tipo de edificios históricos, onde non só o chan e os materiais de construción, senón tamén os recheos interiores de paredes, bóvedas e pisos deben ser vistos como posibles fontes de radon”, argúen.

Por iso, consideran que “se deberían contemplar enfoques como os adoptados neste estudo ao analizar edificios centenarios nos que paredes moi grosas conteñen un recheo interior”.

“Tendo en conta, ademais, que moitos destes edificios están ocupados por institucións ou servizos gobernamentais, a exposición do persoal á radioactividade é un problema que non se pode ignorar”, advirten.

SOLUCIÓNS

Como comentaba recentemente Alberto Ruano, profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade de Santiago de Compostela, codirector do Laboratorio de Radon de Galicia e coautor deste estudo, este gas “pode ser un problema en edificios históricos”, pero “afortunadamente ten solución”.

Os científicos propoñen remedios non invasivos como, por exemplo, “simplemente selar as xuntas” cun “material máis impermeable ao gas”, “extraer o gas do interior dos muros colocando dispositivos de despresurización nos perpiaños” ou “aplicar técnicas para diluír o gas con aire exterior”.

Dada a protección que teñen moitas destas construcións, que forman parte do patrimonio histórico galego, “a intervención nestes edificios, nunca tarefa sinxela, require unha especialización específica, así como a coordinación cos profesionais encargados da xestión do patrimonio”, rematan.

As medidas para reducir a elevada concentración de gas radon que soporta o interior da Torre de Hércules están dirixidas, principalmente, a protexer os traballadores que prestan servizos no faro, que pasan prolongados tempos dentro da torre.

Os resultados deste estudo, validados pola revisión por pares, publícanse agora na revista científica internacional Building and Environment.

RADON EN RESIDENCIAS, LUGARES DE TRABALLO E EDIFICIOS ADMINISTRATIVOS

A preocupación pola acumulación de radon en edificios en Galicia é máxima entre os expertos. O pasado ano, por exemplo, dábase a coñer un estudo de investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia que mostraba que as persoas que viven en vivendas con presenza deste gas están máis expostas a padecer cancro de pulmón.

Sábese que o radon é un dos elementos con máis presenza nas vivendas galega, por estar presente en rochas como o granito. Neste estudo, os investigadores certificaron un aumento do risco de cancro pulmonar asociado á exposición a radon residencial.

A maiores, os investigadores identificaron igualmente que o tabaco produciría unha importante amplificación do efecto. “Así, unha persoa gran fumadora pode chegar a multiplicar practicamente por 3 o seu risco de cancro de pulmón (xa de por si moi alto) se pasa de estar pouco a moi exposta ao radon no seu domicilio”, aclarou o investigador principal do estudo, Alberto Ruano.

O gas radon en interiores é a segunda causa de morte por cancro de pulmón, só superado polo tabaco

O estudo mostrou que as persoas expostas a máis de 200 Bq/m3 de radon duplican o risco de cancro de pulmón respecto a aquelas en ambientes con cantidades inferiores a 50 Bq/m3 na súa vivenda.

Para o profesor Ruano, “estes resultados indican a importancia do radon como factor de risco do cancro de pulmón”.

Sábese que o gas radon en interiores é a segunda causa de morte por cancro de pulmón, só superado polo tabaco. Até non hai moito sabíase que algúns lugares de traballo moi específicos teñen altas concentracións de radon (minas, balnearios, lugares de traballo subterráneos), pero os estudos en Galicia e no conxunto de España sobre as concentracións deste gas en espazos laborais eran escasos. En 2018, un estudo piloto ampliou a investigación sobre os niveis deste gas nalgúns dos lugares de traballo máis comúns, en distintos sectores: educación, Administración Pública, sanidade, turismo e empresa privada.

Os resultados foron especialmente preocupantes para Galicia: case a metade dos postos de traballo analizados –o 46%– tiña concentracións maiores de 300 Bq/m3, o limiar que marcan a Organización Mundial da Saúde (OMS) e a Unión Europea (UE) para establecer medidas de mitigación do risco para protexer a saúde dos traballadores. 

Os datos, preocupantes, evidenciaron que “a exposición a radon podería ser un problema de saúde relevante nos lugares de traballo en España”, xa que “o número de traballadores expostos parece elevado”, sendo Galicia a zona máis afectada, alertaron os científicos.

GALICIA, Á VANGARDA NA LOITA CONTRA O RADON

Como vimos informando neste xornal, Galicia atópase na vangarda internacional na investigación sobre o radon.

Este mesmo ano publicábanse os resultados dun estudo realizado por investigadores do Grupo de Polímeros do Centro de Investigacións Tecnolóxicas e do Laboratorio de Radioctividade Ambiental da Universidade da Coruña (UDC), no que lograron reducir os niveis de gas radon entre un 87 % e un 90% na Facultade de Informática.

Este non é o único caso de éxito na mitigación do radon na UDC. Outros experimentos acadaron niveis de redución similares.

En 2017, investigadores do Laboratorio de Radioactividade Ambiental da Universidade da Coruña publicaron os resultados dun experimento no que se logrou reducir as concentracións de gas radon nun 76%.

Ese mesmo ano, o Laboratorio de Radioctividade Ambiental da UDC presentou os resultados dun estudo sobre a concentración de radon na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica. Aplicando medidas correctoras como o selado de gretas e a instalación dun sistema mecánico de ventilación conseguiron reducir a concentración de radon en valores que oscilan entre o 50 e o 90 %.

Ademais, científicos da UDC deseñaron e presentaron en 2020 un sistema de alerta e vixilancia de gas radon seguro e de baixo custo, baseado en tecnoloxías de código aberto. Trátase dun conxunto de dispositivos deseñados para espazos habitables de tamaño regular, como fogares ou oficinas, que permite saber ao usuario, con antelación, se ese espazo ten ou non unha alta concentración de radon.

Segundo os seus creadores, este sistema permite que “as persoas que ocupen eses espazos eviten o aumento das concentracións de radon” grazas ás alertas recibidas.

Os estudos atoparon unha "asociación estatisticamente significativa” entre os niveis de radon e o risco de padecer cancro de pulmón

Paralelamente, un equipo de investigadores dos complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo publicaron este ano os resultados doutro estudo, este para determinar se podería haber unha asociación entre as concentracións de radon e a idade, o xénero, o tipo histolóxico e o estadio tumoral no diagnóstico de cancro de pulmón.

O estudo cubriu un total de 831 casos de cancro de pulmón. A idade media no diagnóstico foi de 67 anos. O tipo histolóxico de cancro máis frecuente foi o adenocarcinoma, un carcinoma que ten a súa orixe en células que constitúen o revestimento interno das  glándulas de secreción externa.

Por outro lado, a duración media da residencia dos participantes nas súas vivendas foi de 30 anos e a concentración media de gas radon foi de 175 Bq/m3. Aproximadamente, a metade dos participantes vivían en casas illadas en zonas rurais. A concentración media de radon foi de 196 Bq/m3 nas zonas rurais fronte a 164 Bq/m3 nas áreas urbanas. A maioría dos participantes nas zonas urbanas vivían en bloques de apartamentos.

No diagnóstico, non se atopou asociación entre as concentracións de radon interior e a idade, o xénero, o tipo histolóxico ou o estadio tumoral. As concentracións medias de radón interior aumentaron coa idade no momento do diagnóstico para os homes, pero non para as mulleres.

Ao analizar participantes expostos a máis de 1000 Bq/m3, observouse un predominio do cancro de pulmón de células pequenas e unha maior presenza de estadios avanzados.

E este mesmo ano coñecíanse os resultados dun estudo multicéntrico en nove hospitais de España e Portugal no que se evidenciou que a exposición ao gas radon supón un enorme risco para a saúde humana, xa que “parece aumentar o risco de cancro de pulmón de células pequenas”.

Trátase dos resultados finais do estudo 'Small Cell', asinados por 16 investigadores de Galicia, Madrid, Asturias, Ávila e Porto (Portugal).

Os investigadores atoparon unha "asociación estatisticamente significativa” entre os niveis de radon e o risco de padecer cancro de pulmón. Máis detalladamente, observaron que esta asociación é maior nos suxeitos expostos a concentracións superiores ao limiar que establece a Axencia de Protección Ambiental (EPA) de Estados Unidos para marcar o nivel de risco, de 148 Bq/m3, que naqueles suxeitos expostos a concentracións inferiores a 50 Bq/m3.

O estudo tamén salienta que os fumadores expostos a concentracións máis altas de radon presentan un risco moito máis elevado de cancro de pulmón de células pequenas, en comparación cos fumadores expostos a concentracións máis baixas de radon en interiores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta