Por Europa Press / Redacción | Compostela | 07/06/2021 | Actualizada ás 13:46
A campaña de verán creará un total de 29.600 contratos en Galicia, o que supón un 24,2% máis que no mesmo período de 2020, segundo as previsións de contratación dadas a coñecer este luns por Randstad.
Este incremento é superior en máis de tres puntos á media española (+20,7%). De feito, é o quinto maior avance entre comunidades, con Castela-A Mancha (+31%) á cabeza. O dato galego supón o 6,7% do volume total do país.
A nivel provincial, Pontevedra, con 12.410 firmas, e A Coruña, con 11.630, liderarán os volumes de contratación de Galicia, mentres que Lugo e Ourense rexistrarán 3.480 e 2.080 contratos, respectivamente.
No que se refire a variación con respecto á pasada campaña, Pontevedra (+28,5%) experimentará o maior, seguida pola Coruña (+27,9%), Ourense (+21,4%). A máis distancia está Lugo (+3,1%), que conta coa segunda peor taxa entre provincias, só cun crecemento menor en Almería (+3%).
AÍNDA LONXE DE NIVEIS PREPANDEMIA
De tal forma, a campaña de verán xerará 438.550 contratos en España, un 20,7% máis que durante o período estival do ano pasado, segundo se desprende das previsións de contratación de Randstad, que destaca que o dato estará en niveis de 2015.
No entanto, Randstad explicou que a cifra estará aínda case un 30% por baixo do volume alcanzado en 2019, cando o nivel de contratos superou as 621.000 firmas.
Randstad explicou que desde 2012 o volume de contratos no verán non deixou de crecer, ata alcanzar os máis de 621.000 alcanzados en 2019. Con todo, a irrupción do Covid fixo que o indicador se esborrallase en 2020 ata as 363.242 firmas, aínda que os avances na vacinación e o levantamento das restricións sanitarias favorecerán o seu incremento este ano.
EXPERIENCIA NO POSTO E IDIOMAS, AS CUALIDADES MÁIS BUSCADAS
O estudo tamén destaca que as empresas están interesadas en contratar a xente no verán que teña experiencia nun posto similar, xa que así poden responder o incremento da demanda nun curto espazo de tempo. Segundo Randstad, polo aumento do lecer e o turismo, o coñecemento de idiomas, sobre todo do inglés, sitúase como un requisito indispensable para moitos postos.
Ademais, resaltou que, á hora de seleccionar candidatos, as compañías tamén valoran os perfís orientados á atención ao cliente e con capacidade comercial. "As empresas teñen en conta aspectos como a predisposición a traballar en equipo e a resolver problemas derivados da operativa diaria", segundo Randstad.
O director de Randstad Research, Valentín Bote, destacou que o incremento dos niveis de contratación de cara ao verán "é unha das mellores noticias que se poden recibir tras o golpe da pandemia". "Aínda que aínda estamos lonxe dos volumes previos á aparición do virus, este crecemento da contratación non sindica que camiñamos de maneira decidida cara á recuperación", segundo Bote.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.