Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2021 | Actualizada ás 22:20
A loita contra os eólicos séguese espallando por Galicia e chega xa ao Monte Pindo, un emprazamento natural localizado no concello de Carnota e que se configura entre os montes de máis impacto e beleza de Galicia. Agora estaría ameazado por un proxecto eólico que podería implicar a implantación de nove “macroxeradores” que deturparían a silueta da icónica montaña e afectaría á parte sur de Carnota e leste de Muros, asi coma a Mazaricos as súas vías de evacuación.
O prefixo “macro” chega porque, como apuntan dende a asociación Monte Pindo Parque Natural, as torres proxectadas para o chamado “Parque Eólico Cabazo” contarían con nada menos que 200 metros de altura, máis do dobre que as torres que a Catedral de Santiago dispón da Praza do Obradoiro. “Resulta que estes xeradores non teñen nada que ver cos "clásicos" viraventos que xa existen por ducias no noso concello, senón que case triplican o seu tamaño”, destacan. Esta nova xeración de muíños de vento permitiría xerar maior enerxía, pasando de apenas 1MW dos modelos antigos a unha decena. A problemática estaría, claro, no impacto visual.
Por esta razón, dende a plataforma do Monte Pindo cargan contra un proxecto que, destacan, nace “co obxectivo de apoderarse dos montes virxes sitos entre Carnota e Muros”, unha problemática que atinxen á chamada “mafia eólica” pero pola que tamén lanzan algún que outro golpe á Xunta de Galicia, á que acusan de amparar o crecemento eólico dando “total carta branca” a “estas instalacións plantexadas indiscriminadamente por todo o noso territorio”.
"CARTA BRANCA" DA XUNTA
O certo é que, dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta de Galicia, o goberno galego promulgou ata tres cambios lexislativos --2009, 2017 e este 2021-- que, de acordo co movemento ecoloxista, facilitan en boa medida a implantación destes proxectos reducindo os trámites ambientais a cumprir ou mesmo facilitando as expropiacións de terras, unha cuestión herdada da administración Fraga.
Ante estas circunstancias, os veciños e protectores do Monte Pindo formulan protexerse das “multinacionais enerxéticas” e a súa “bestial opa hostil sobre os montes galegos” demandando a declaración de parque natural para o Monte. Xornadas atrás deron a coñecer o achádego de tres pequenas plantas que, polas súas especiais características, deberían implicar a declaración, segundo subliñan. Este 2021, 10 anos despois da derradeira loita contra os eólicos que ameazaron Monte Pindo volve comezar a guerra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.