Galicia case duplica as mortes por cancro de pulmón do Estado por mor da exposición ao radon

Suma un 7%, mentres que no conxunto de España esta porcentaxe alcanza o 4%. A meirande parte dos pasamentos afectan a homes, fundamentalmente fumadores e exfumadores.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/06/2021 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

Investigadores da Facultade de Medicina da USC e do Laboratorio de Radon de Galicia, en colaboración co Ministerio de Sanidade e o Consello de Seguridade Nuclear, acaban de publicar un estudo na revista Environmental Research, no que se estima o impacto do radon na mortalidade por cancro de pulmón en España no ano 2017. A investigación constata que a exposición ao radon está detrás do 4% das mortes que se producen en España por mor do cancro de pulmón. No caso galego, esta porcentaxe ascende ata o 7% das mortes.

O obxectivo principal da análise, liderada polo profesor da USC Alberto Ruano, foi estimar a mortalidade por cancro pulmonar producida pola exposición a radon en España e nas súas comunidades autónomas. “O estudo aplica, por primeira vez, unha corrección da exposición a radon pola altura da vivenda, xa que as persoas que viven en pisos altos teñen unha menor exposición”, sinala o profesor Ruano. Logo do 7% de mortes identificadas en Galicia pola exposición a este gas canceríxeno, a segunda comunidade máis afectada é Estremadura cun 6,9%. “Os datos indican que, de non corrixir a exposición a radon pola altura da vivenda, a carga de mortalidade duplicaríase”, engade Alberto Ruano. A meirande parte destas mortes ocorren en homes fumadores e exfumadores.

Para esta investigación empregáronse datos do Mapa de Radon de España, cedidos polo Consello de Seguridade Nuclear —no que tamén colaborou o Laboratorio de Radon de Galicia— e riscos de cancro pulmonar obtidos nun estudo internacional, desenvolvido polos mesmos investigadores e publicado na mesma revista en 2020, que incluíu a preto de 4.000 participantes. “Segundo a base de dados expertscape, a investigación sobre radon desenvolvida polos investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia da USC sitúase á vangarda internacional no estudo do radon residencial”, apunta o profesor Ruano.

Elemento químico Radon. Gas incoloro, inodoro e radioactivo, naturalmente presente na maior parte de Galicia
Elemento químico Radon. Gas incoloro, inodoro e radioactivo, naturalmente presente na maior parte de Galicia | Fonte: istock

CAMBIOS URBANÍSTICOS

Os investigadores suliñan que os resultados desta investigación teñen "importantes implicacións" para o desenvolvemento de políticas públicas de redución da concentración deste gas nas vivendas e para a aplicación da directiva europea de protección fronte ás radiacións ionizantes, tanto para poboación xeral coma para traballadores.

A directiva xa debería estar en vigor en España dende 2018. Cabe destacar que toda vivenda nova debe ter protección antirradon, tal e como indica o novo Código Técnico da Edificación e que as medicións deben facerse por Laboratorios acreditados”, sinala Alberto Ruano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta