Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 13:15
As mobilizacións contra o actual modelo de implantación eólica amparado pola Xunta de Galicia seguen o seu curso. Ao comezo foron as asociacións ambientais as que se postularon contra a “invasión” destes aeroxeneradores. A elas seguíronas as asociacións veciñais, cada día máis implicadas, e os partidos políticos.
Precisamente, Unidas Podemos vén de replicar no Congreso dos Deputados unha das demandas máis recorrentes entre o tecido veciñal e asociativo: impulsar unha moratoria dos proxectos eólicos actualmente en marcha en Galicia. “Temos que parar a ofensiva de parques eólicos e facela conciliable cunha transición enerxética xusta para todas”, sinalou este xoves o deputado, Antón Gómez Reino.
Podemos reclamou esta medida subliñando que a iniciativa responde ás reivindicacións dos colectivos e asociacións veciñais que o sábado 5 se manifestaron masivamente no Obradoiro en contra dos plans de Feijóo e a favor da protección de territorios de enorme riqueza e biodiversidade”.
En Galicia, destacanm, hai en total 4.061 aeroxeneradores que se distribúen por toda a comunidade. Na actualidade están en marcha arredor de 50 novos proxectos e 200 en fase de estudio, que distribuirían muíños cun importante impacto a nivel ambiental, paisaxístico e social. “Isto ocorre porque a Xunta de Galicia continúa incumprindo a normativa europea ao non declarar figuras de protección ambiental en territorios que deberían estar integrados na Rede Natura para a súa conservación”, subliñan. “Como consecuencia, estes proxectos non son avaliados de maneira axeitada e son autorizados polo Goberno de Feijóo, sen respectar os criterios de equilibrio territorial e sustentabilidade ambiental que recolle a nova Lei de Cambio climático no seu artigo 25”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.