Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2021 | Actualizada ás 18:51
O proceso selectivo para contratación laboral temporal dun traballador ou traballadora social para o servizo municipal de dependencia, que só aprobou a filla do alcalde de Verín, fíxose sen temario nin garantía de custodia do exame. Así denuncian os sindicatos tras a reunión da Comisión de control de procesos selectivos do Concello, que se emprazou a un novo encontro para levar propostas de ditames que serán avaliados en conxunto.
O Concello de Verín celebrou hoxe a segunda reunión da Comisión de Control, encargada de revisar este proceso selectivo municipal. Unha convocatoria que se realiza despois de que dos 14 presentados ás probas 13 suspendesen con notas por baixo dun e unha única persoa fose a que aprobou a praza: a filla do alcalde.
Con eses resultados, a secretaria realizara un informe no que tachaba de "anómala" a situación, unhas declaracións nas que se ratificou durante a reunión deste venres. Tamén se tomou declaración aos membros do tribunal calificador do proceso selectivo, así como a persoa coordinadora do servizo de dependencia municipal que realizou o papel de asesor técnico do tribunal.
Ademais de reincidir no "anómalo" do resultado, tamén se puxo en cuestión a cadea de custodia do exame, posto que os computadores están en rede, non encriptados e das oficinas "ten chave o equipo de goberno", sinalan as fontes consultadas
Na mesma liña manifestáronse os representantes dos sindicatos e en concreto da CIG, quen subliñou que a reunión serviu para "corroborar que non houbo acta de constitución do tribunal" e tampouco "ningún temario de proba, a pesar de que o alcalde insistira no contrario e que constaba de 60 páxinas.
A CIG tamén insiste en que "non se pode garantir a cadea de custodia da proba", e que a reunión -de case cinco horas- serviu para pór de manifesto "contradicións entre os membros do Tribunal sobre as supostas anomalías".
Por todo iso, volvéronse a emprazar a unha nova reunión que terá lugar o próximo 17 deste mes na que cada membro da Comisión elabora propostas de ditame para ser avaliadas en conxunto.
"NEUTRALIDADE E TRANSPARENCIA"
Con todo, a concelleira responsable da área de persoal, Rosario Rodríguez Delgado, destacou "a neutralidade e transparencia" que se "demostrou" durante todo o proceso, posibilitando tanto as comisións como aceptando "todas as solicitudes informativas realizadas polo sindicato".
"O grupo de goberno mostrou a súa plena vontade de chegar a un ditame ratificado por todos os membros da Comisión, así tanto o Concello como os sindicatos elaboraremos os nosos ditames para ser avaliados en busca de consenso", censurou Delgado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.