Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2021 | Actualizada ás 14:00
O conflito do Pazo de Meirás segue adiante máis de nove meses despois de que a xustiza o declarara público. Ducias de mobilizacións, enfrontamentos legais, sentencias e recursos veñen de derivar nun momento que o movemento pola memoria histórica de Galicia define como crítico. E é que os Franco poderían conseguir “baleirar” o histórico complexo ou mesmo recuperar o total da súa propiedade ante a “pasividade” da administración.
Cando menos esa é a denuncia que desenvolve o investigador Carlos Babío, voceiro da iniciativa Defende Meirás, que, xunto coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña e o Concello de Sada chamaron xornadas atrás a unha mobilización para manifestarse pacificamente ante o pazo o vindeiro 19 de xuño. A concentración, marcada para as 12 da mañá, vén de sumar una nova dose de tensión porque, ata o momento, o Estado non autorizou aínda a concentración.
Babío, que censura de “incomprensible” o xesto do Goberno central, afirma de feito que, en conversas informais, recibiron noticia de que a mobilización non será aceptada. Aínda así, o voceiro de Defende Meirás insiste en que acudirán a mobilizarse porque os xardíns do Pazo --onde se prevé a mobilización--, “son xa públicos”, aínda que sexa de forma temporal porque, como indica, a decisión final pende dun recurso dos Franco.
TENSIÓN COA ADMINISTRACIÓN
O silencio da administración central a respecto desta petición para manifestarse --que segue sen ser contestada a “horas” da convocatoria-- bota leña ao lume que, dende hai meses, arde entre o tecido asociativo implicado coa loita de Meirás e as institucións, ás que acusan de ter obrado con pasividade en non poucas ocasións.
Babío lembra, neste aspecto, as mobilizacións que tiveron lugar meses atrás logo de que o Goberno central se mostrara conforme coa sentenza que, malia dar por público o Pazo, recoñecía a “boa fe” de Francisco Franco e a súa familia e obrigada a indemnizalos. O Goberno de Pedro Sánchez declarouse satisfeito, nun comezo, coa sentenza; se ben tras diversas mobilizacións recuou e decidiu elevar recurso contra a decisión do tribunal.
O PAZO AÍNDA PODERÍA VOLVER AOS FRANCO
E de xulgados vai a cousa, porque a problemática legal de Meirás segue vixente a pesar de ter pasado xa nove meses desa primeira sentenza que deu a razón ás teses de Babío e o movemento “memorialista” galego. Por unha banda, e como explica o investigador, a familia do ditador tamén decidiu recorrer a sentencia que lles quita a propiedade do Pazo, razón pola cal cabe aínda a posibilidade de que este volva a mans dos Franco.
A outra fronte desta guerra aberta recae no interior da construción, onde o diverso e antigo mobiliario do Pazo podería ser baleirado polos descendentes do Generalísimo en case calquera momento. Como explica Babío, os familiares do ditador están pendentes dunha sentenza “de resolución inminente” que podería capacitalos para retirar as cadeiras góticas de Pardo Bazán ou mesmo unha ánfora do século III a.c., entre outros tesouros que descansan tralas portas de Meirás.
"PASIVIDADE" DA XUNTA COS MOBLES
O movemento cidadán en favor da reclamación de Meirás móstrase crítico con esta circunstancia, que atribúen á “pasividade” da administración, dende hai semanas imbuída nun conflito de competencias entre Xunta e Estado que ameaza con se resolver unha vez o Pazo quede baleiro.
Carlos Babío carga, en particular, contra a actitude da Xunta de Galicia, que segundo destaca podería incoar en calquera momento unha ampliación do BIC para restrinxir aos Franco a xestión dos bens. “Non lles quitaría a propiedade, pero si impediría que os puideran sacar do Pazo”, explica. "A Xunta podería simplemente publicar no DOG un catálogo de bens --que xa o ten-- para modificar o BIC de Meirás e vencellalo aos mobles. Teñen ferramentas para impedir que os mobles saian de Meirás", engade.
Con este panorama de incerteza no horizonte, o representante de Defende Meirás asegura que se desprazarán aos xardíns do Pazo o vindeiro sábado 19 ás 12:00 independentemente do que diga o Estado central. De xeito paralelo, insta á cidadanía implicada coa causa a acudir á cita para impedir o que, ao seu ver, supoñería “un espolio máis dos okupas de Meirás”. E conclúe: “Ver os Franco sacando os mobles significaría que o fascismo segue nas institucións”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.