Piden impedir o regreso dos cruceiros a Galicia por "motivos de saúde pública"

Convocan mobilizacións nos portos de Vigo e A Coruña contra unha actividade que "pode poñer en risco" a vida dos veciños.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2021 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A chegada do verán e a progresiva desescalada das restricións de covid-19 veñen de abrir as portas das costas galegas aos xigantes da navegación como lecer: os cruceiros. O Goberno central vén de levantar o veto ata hai pouco imperante a estes buques, que a partir do vindeiro 7 de xullo poderán volver atracar nos peiraos galegos e, en particular, nos de Vigo e A Coruña, máis concorridos por este tipo de turismo a bordo.

Cruceiro Costa Pacífica
Cruceiro Costa Pacífica | Fonte: perfil.com

A decisión do Goberno central vén de ser contestada por unha serie de asociacións que xa anunciaron a convocatoria de mobilizacións ao longo de todo o Estado para demandar da administración central que dea marcha atrás. As concentracións --previstas para os peiraos que en poucas semanas poderían estar ateigados de turistas-- celebraranse en Barcelona, Palma, Valencia e, en Galicia, Vigo e A Coruña.

Ecoloxistas en Acción, que se atopa entre as asociacións convocantes, pide ao Goberno central que restitúa a prohibición á circulación destes xigantes do mar atendendo aos efectos que, segundo apuntan, carrexa a súa presenza para a saúde dos veciños das cidades afectadas.

CONTAMINACIÓN

E non só refiren na dimensión sanitaria da covid, senón tamén no tocante á contaminación. Segundo apuntan as mesmas fontes, España é, neste momento, o segundo país europeo con máis emisións de efecto invernadoiro procedente dos barcos, e tamén era o máis contaminado por cruceiros até que o sector cesou a súa actividade en marzo de 2020.

E é que, en 2019, 11 millóns de pasaxeiros chegaron a bordo de máis de cruceiros a España. “En Galicia concentráronse nas cidades de A Coruña e Vigo”, destacan dende a plataforma, que afea as intencións da cidade herculina de ampliar as atracadas de cruceiros coa desafectación dos terreos portuarios situados no centro da cidade. O mesmo rexeitamento dirixen aos plans de ampliacións de peiraos mediante recheos no mar como os anunciados pola Autoridade Portuaria de Vigo.

A protesta das asociacións convocantes vén dada porque consideran a actividade de cruceiros “incompatible” coa protección da saúde e o medio ambiente. Destacan que se trata dun turismo “de altas emisións contaminantes”. Critican, para rematar, a “operación de maquillaxe verde” dos cruceiros e os portos con “falsas solucións tecnolóxicas como o gas natural licuado, o biometano ou o hidróxeno verde; que ademais de ser inviable, terían enormes impactos climáticos, sociais e ecolóxicos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta