Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2021 | Actualizada ás 22:20
O arrinque definitivo do Xacobeo 21-22 volve pór no centro das olladas o camiñar e peregrinar, e non todo cinguido á ruta que leva a Compostela. A orografía galega está tinxida de múltiples roteiros que a cruzan de norte a sur e de leste a oeste, e un dos máis recoñecidos é o Camiño dos Faros, que decorre 200 quilómetros pola costa galega de construción en construción.
Cando menos, é recoñecido en Europa, xa que a asociación encargada de promocionar o roteiro denuncia estar a ser “pisoteada” polas administracións de Galicia e a Federación Galega de Montañismo. Este suposto desleixo contrasta co premio que a European Ramblers Association (Asociación de camiñantes de Europa) vén de outorgar á ruta, catalogada xa como “sendeirismo de alta calidade”.
Tal galardón vén de ser achegado recentemente pola ERA en recoñecemento ao “gran traballo” desenvolto pola asociación --composta por só catro persoas-- á hora de promocionar a ruta. A organización galega destaca, pola súa banda, que dá por “concluído” o intento de homologación deste roteiro, xa no podio dos traxectos europeos.
Os enfrontamentos entre a asociación promotora e as administracións de Galicia quedaron tamén patentes na propia felicitación da ERA, na que recoñeceu o Camiño dos Faros como un trail “líder en calidade”. “Os malentendidos entre o seu grupo e a Federación Galega son significativos”, destacan, en liñas paralelas ao denunciado pola asociación galega, que manifesta a súa “tristura” ao “ver as oportunidades que se están deixando pasar para consolidar este recurso da mellor maneira posible”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.