Na nosa cidade este mal está profundamente enraizado e, indubidabelmente, é causa ou motivo de moitos dos problemas que afectan ao sector público, porque, xeralmente, os parentes e amigos dos devanditos políticos válense da influencia ou da intervención directa destes para obter prerrogativas, privilexios, prebendas, empregos e demais beneficios, o que redunda en corrupción e abuso de poder.
Baixo o nepotismo, o que impera son os vínculos de sangue, de afinidade ou de amizade, e non o mérito, a excelencia e a honorabilidade. Logo, quen obteñen os contratos, as concesións, os postos, os favores e as vantaxes non son os que teñen a capacidade, a experiencia, a aptitude, o talento, o coñecemento e a ética, senón os que teñen o privilexio de ser parentes, amigos ou achegados ao político influinte ou con poder.
Vemos, entón, como os cónxuxes, fillos, irmáns, pais, curmáns, tíos, sobriños, fillos putativos, fillastros, afillados, xenros, cuñados e resto da familia ou amizades, dos políticos que acceden ao poder local (Concellos, deputacións, empresas municipais, contratas...) son os primeiros en ocupar cargos importantes, en obter substanciosos contratos e concesións, en participar de escuras e amañadas negociacións e en ter acceso a información privilexiada que lles permite lucrarse con vantaxes incomparábeis.
Moitos «clans» entronízanse no seo dos propios partidos por mor deste sistema tan pouco transparente e pola escasa democracia interna coa que contan as organizacións clásicas que monopolizan, desde hai anos, o poder dos concellos (Partido Popular, PSOE e BNG). Distribúen entre os membros da camarilla os postos nas candidaturas que mellor serven aos intereses do fato de membros da «elite» e, se chegan ao poder, repártense as mellores talladas da torta ou do pastel municipal.
O obxectivo destas «camarillas» é a rapina e o desfalco a base da cousa pública, mais tamén procuran a súa auto-perpetuación. E iso conségueno tras apoderarse do aparello do partido grazas á caterva de «lacaios» e «militantes incondicionais» que sempre os apoian, probabelmente buscando algunha migalla sobrante. O obxectivo de todos eles é aproveitarse, sacar tallada e enriquecerse ao máximo e no menor tempo posíbel. Impórtalles un pemento o interese xeral e o ben común. Só queren encher os petos.
En fin, caen como praga sobre as arcas da corporación e, nun chiscar de ollos, escangallan a cidade logo de fartarse de chuchar, como vampiros, o erario municipal.
Ao que os critica ou os denuncia terminan marxinándoo, denigrándoo ou intimidándoo, a el ou á súa familia. Confunden a institución municipal coa súa propia casa e os recursos públicos co seu propio patrimonio. Compran vontades e votos, pero non poderán mercar nunca a dignidade das persoas honradas e decentes.