Novas evidencias de que o tabaco empeora a covid-19

Un novo estudo con participación galega mostra que fumadores e exfumadores infectados co coronavirus teñen máis risco de que se agrave o seu estado e de morrer. Outros estudos de investigadores galegos sinalan que a mortalidade atribuíble ao tabaco aumentou nas mulleres nos últimos anos e que os menores de clases sociais máis baixas están máis expostos ao fume.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O tabaco é prexudicial para a saúde e pode matar. Isto é algo demostrado desde hai décadas con probas científicas. Pero non contexto da pandemia de covid-19, aínda están saíndo estudos para valorar o impacto do tabaquismo na evolución desta enfermidade. Unha nova achega asinada por 28 científicos de Galicia, España, Italia, Alemaña, Ecuador, Cuba e China aporta evidencias de que “o tabaquismo ten un impacto prexudicial sobre o prognóstico da covid-19”.

Tabaco
Tabaco | Fonte: Pixabay.

“Un historial de tabaquismo activo está relacionado con peores resultados de covid-19, cun aumento do risco de mortalidade”

“Un historial de tabaquismo activo está relacionado con peores resultados de covid-19, cun aumento do risco de mortalidade”, advirten os investigadores, que atoparon, ademais, un maior risco de mortalidade entre exfumadores contaxiados co coronavirus SARS-CoV-2 en comparación cos infectados que nunca fumaron.

Desde que comezou a pandemia e coñecimos que a covid-19 ataca os pulmóns, semellaba obvio que o tabaquismo tiña que algún efecto na evolución da enfermidade. Pero segundo os científicos que agora asinan este estudo –entregado o pasado 3 de marzo para a súa revisión por pares na revista científica BMJ Nutrition, Prevention & Health e aceptado para a súa publicación o 23 de maio–, “hai pouca cantidade de datos dispoñibles sobre este tema e aínda non se estableceu un vínculo definitivo entre fumar e o prognóstico da covid-19”.

Os investigadores analizaron os casos de 5.224 pacientes con covid-19 nun rexistro internacional multicéntrico –o Health Outcome Predictive Evaluation for COVID-19 Registry–, con datos epidemiolóxicos e clínicos de 40 centros de sete países, e compararon a evolución da enfermidade entre fumadores activos, exfumadores e non fumadores hospitalizados por mor do coronavirus. Deses 5.224 pacientes, 3.983 (67,9%) eran non fumadores, 934 (15,9%) eran antigos fumadores e 307 (5,2%) eran fumadores activos, cunha media de idade de 66 anos, sendo o 58,6% homes.

“Todas as causas de morte foron maiores entre os fumadores (activos e antigos) en comparación cos non fumadores (27,6 vs 18,4%)”, indican os autores, que tras unha análise multivariante, consideran que “o tabaquismo ten un impacto negativo no prognóstico en pacientes hospitalizados con covid-19”.

Sabedores de que na gravidade da covid-19 poden ser decisivas as comorbilidades (dous ou máis trastornos ou enfermidades que ocorren na mesma persoa), identificaron as máis frecuentes neses 5.224 pacientes, sendo as máis común a hipertensión (48,5% dos casos) e a dislipidemia (33%). No 19,4% atoparon unha enfermidade pulmonar relevante, sendo a máis frecuente a enfermidade pulmonar  obstructiva crónica - EPOC (39,4%), seguida do asma (26,9%). Tamén identificaron complicacións hospitalarias como sepse (23,6%) e eventos embólicos (4,3%) con máis frecuencia no grupo de fumadores.

O “principal descubrimento” foi que entre os fumadores con covid-19 o risco de mortalidade semella ser o dobre que nos non fumadores

Ao comparar os patróns de tabaquismo, observaron que os pacientes exfumadores eran maiores e tiñan máis comorbilidades en comparación cos fumadores activos e non fumadores. Os exfumadores presentaron tamén maiores taxas de hipertensión (64,3%), dislipidemia (48,6%) e obesidade (30,6%), así como unha maior prevalencia de enfermidades pulmonares (39,3%) e enfermidades cardíacas (38,3%).

O “principal descubrimento” deste estudo, destacan, foi o feito de que entre os fumadores con covid-19, o risco de mortalidade semella ser o dobre que nos non fumadores.

Así mesmo, os fumadores activos presentaron un maior risco de enfermidade crítica en comparación cos non fumadores (1,7 veces máis).

“Na nosa cohorte, observáronse efectos prexudiciais do tabaquismo ao atopar unha relación entre fumar e peores resultados en pacientes con covid-19”, subliñan os investigadores. Así, destacan que a mortalidade foi “significativamente maior” entre pacientes con antecedentes de tabaquismo (tanto antigos como actuais) que no grupo de non fumadores: un 27,6% fronte a un 18,4%. Do mesmo xeito, viron unha asociación entre unha evolución máis grave da covid-19 e un historial de tabaquismo, presente e pasado.

“Un dos descubrimentos máis interesantes neste traballo é o feito de que os fumadores activos, aínda que presentaban menos comorbilidades que os exfumadores, tiñan maior risco de mortalidade e gravidade”, explican.

Para os científicos, “queda por ver se os fumadores son máis propensos a contraer o SARS-CoV-2”. “Malia a súa relevancia, os datos actuais non responden esta pregunta”, conclúen.

MORTALIDADE POR CONSUMO DE TABACO EN ESPAÑA

Outro estudo, tamén publicado agora, neste caso na revista Adicciones, observou unha caída da mortalidade atribuída ao consumo de tabaco en España, entre a poboación en xeral, en relación coa mortalidade total no país. Trátase, neste caso, dunha revisión sistemática de investigacións publicadas até o 15 de abril deste ano sobre o impacto do tabaquismo nas taxas de mortalidade, tanto a nivel estatal como autonómico.

Os expertos lamentan que, en España, as estimacións de mortalidade atribuída ao consumo de tabaco non se realizan de forma periódica 

Con todo, esta revisión identificou fallas nos estudos ao “por de manifesto que en España as estimacións de mortalidade atribuída ao consumo de tabaco non se realizan de forma periódica e que tampouco se dispón de información comparable que permita valorar o impacto que ten o consumo de tabaco en niveis territoriais máis desagregados como as comunidades autónomas”.

Neste sentido, afondan que “a pesar de que os datos apuntan a variacións na evolución da epidemia tabáquica en termos de prevalencia nos diferentes territorios de España, os estudos que estiman a mortalidade atribuída ao tabaquismo a un nivel máis desagregado, é dicir, por comunidades autónomas, provincias ou cidades, son escasos e non permiten extraer conclusións respecto do impacto sobre a mortalidade”.

Nesta liña, destacan que se ben existen diferentes estimacións de mortalidade atribuíble ao tabaco a nivel estatal nas últimas décadas, estas “non teñen periodicidade regular” que permitan establecer tendencias claras.

“Aínda que a evolución da epidemia tabáquica en termos de prevalencia de consumo é diferente nas unidades territoriais que forman España, existen poucos estudos nos que se valore o diferente impacto que o consumo de tabaco ten na mortalidade das unidades territoriais máis pequenas como comunidades autónomas, provincias ou cidades”, insisten.

HOMES VS MULLERES

O primeiro estudo incluído nesta revisión, do ano 1978, estimaba por entón que o 13,7% das mortes observadas a nivel estatal se podían atribuír ao consumo de tabaco. Desde esa primeira estimación en adiante, “diferentes estudos realizados a nivel nacional reflicten un aumento na carga de mortalidade atribuída ao consumo de tabaco ata o ano 2001, momento no que se observa por primeira vez un descenso nos homes”, destacan.

Así, por exemplo, estimouse que a mortalidade atribuíble ao tabaco en varóns supuxo o 20,3% da mortaldiade total en 1983, aumentou ao 28,3% en 1998 e diminuíu a partir do 2001, ata alcanzar o 22,6% en 2012.

Pola contra, a tendencia nas mulleres foi a contraria, pasando por exemplo dun 5,4% en 1983, situándose en torno ao 2%-3% entre 1992-2001 e aumentando ao 7,8% en 2006.

“Nas últimas estimacións de 2016 e 2017, ao redor do 84%-85% das mortes atribuídas ao tabaco ocorreron en homes, fronte ao 96,6% que se observaba na primeira estimación en 1978”, comparan os asinantes desta revisión.

“En xeral, pódese afirmar que a mortalidade atribuíble ao tabaco aumentou nas mulleres españolas desde as primeiras estimacións ata as máis recentes, mentres que, nos homes descendeu a partir de 2001”, subliñan.

"A mortalidade atribuíble ao tabaco aumentou nas mulleres españolas desde as primeiras estimacións ata as máis recentes, mentres que, nos homes descendeu a partir de 2001”

Por outro lado, observaron un descenso ao longo dos anos nas mortes por enfermidades cardiovasculares/cardiometabólicas atribuídas ao consumo de tabaco, o cal se poide explicar “tanto por un mellor control dos principais factores de risco das enfermidades cardiovasculares como a hipertensión, a hipercolesterolemia e o sedentarismo, como polo desenvolvemento de novos tratamentos médicos”.

“Este descenso da mortalidade atribuíble ao tabaco por enfermidades cardiovasculares/cardiometabólicas posicionou os tumores como o grupo de causas ao que se atribúe maior carga de mortalidade”, detallan.

Estes cambios pode explicarse polas “grandes diferenzas no tempo que transcorre entre a exposición ao factor de risco e o desenlace nestes grupos de enfermidades, moito máis longo no caso dos tumores, que nas enfermidades cardiovasculares/cardiometabólicas, nas que os efectos se observan nun prazo de tempo máis curto”, clarifican.

Nos homes observouse que o cancro de pulmón é a principal causa de morte por consumo de tabaco desde principios da década de 1990, mentres que nas mulleres, o aumento do número de mortes por cancro de pulmón foi máis lento e non foi ata as últimas estimacións de 2016, 2017 e as realizadas no quinquenio 2010-2014 cando o se posicionou como primeira causa de morte asociada ao consumo de tabaco entre elas.

“En España, actualmente, o cancro de pulmón é a causa á que se asocia unha maior  mortalidade atribuíble ao consumo de tabaco en ambos os sexos”, engaden.

Por outro lado, lamentan que as fontes de datos ou as causas para as que se estima mortalidade “non son homoxéneas entre os estudos” no que se refire á idade a partir da cal se estima a mortalidade atribuíble ao tabaco, as fontes de datos ou as causas para as que se estima mortalidade.

“A actualización das causas de mortalidade asociadas ao consumo de tabaco ou o valor puntual do exceso de risco de morrer que teñen os fumadores e exfumadores, con respecto aos nunca fumadores, dificultan unha valoración precisa dos cambios nas estimacións da mortalidade atribuíble ao consumo de tabaco”, sinalan.

SON NECESARIOS MÁIS DATOS

Ante todo isto, os expertos consideran “necesario dispoñer de estimacións periódicas globais e a nivel desagregado, por exemplo por comunidades autónomas, para monitorar de forma correcta a epidemia  tabáquica en España e valorar o impacto das diferentes medidas de control de tabaquismo, tanto clínicas como lexislativas, que se implementaron en España nos últimos anos”.

"As estimacións máis recentes aínda sitúan o seu consumo como o factor de risco que máis mortes causa"

“Malia que nesta revisión se observa que en global a mortalidade atribuíble ao tabaco está a descender en España, as estimacións máis recentes aínda sitúan o seu consumo como o factor de risco que máis mortes causa. É indiscutible a necesidade de implementar medidas integrais de control de tabaquismo e medidas de prevención primaria e secundaria que permitan avanzar cara a unha sociedade libre de tabaco”, advirten.

O traballo está asinado por investigadores da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela, o Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia, e da Unidade de Asesoramento Científico-técnico (avalia-t), dependente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde.

MENORES DE CLASES BAIXAS, MÁIS EXPOSTOS AO FUME

Outro estudo recente feito por investigadores galegos sinalou que os menores da clases sociais máis baixas están máis expostos ao fume ambiental do tabaco.

O traballo, publicado en 2020, foi realizado por expertos do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e do Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, que analizaron a información de 5.495 menores de até 15 anos incluídos na Enquisa Nacional de Saúde de España.

Os investigadores atoparon que a prevalencia de exposición total ao fume ambiental do tabaco en menores de 15 anos foi do 11,8%. E identificaron que un nivel de estudos dos proxenitores inferior e medio se asocia cunha maior exposición ao fume do tabaco.

"A exposición ao fume ambiental do tabaco nos menores é máis frecuente entre os que presentan unha peor situación socioeconómica"

“Os resultados deste estudo mostran que a exposición ao fume ambiental do tabaco nos menores españois é máis frecuente entre os que presentan unha peor situación socioeconómica, destacando o efecto do menor nivel de estudos dos proxenitores e a pertenza a clases sociais máis baixas”, conclúen no estudo.

Pero tamén existen outros factores determinantes. Sobre o modelo familiar, observaron que unha composición do fogar diferente a “parella con fillos” e residir en vivendas máis pequenas tamén se relaciona cunha maior exposición.

Ademais, os fogares foron identificados como “o principal lugar onde os menores están expostos ao fume ambiental do tabaco”, cunha porcentaxe do 11,5%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta