O Sergas sanciona o xinecólogo que loitou para que Verín tivera paridoiro

Foi suspendido dous días de emprego e soldo tras permitir o nacemento do último neno no paridoiro de Verín antes do seu peche en 2019 e tras unha multitudinaria manifestación nesta vila en contra deste peche. O BNG anuncia unha batería de iniciativas para pedir explicacións e o PSdeG di que se trata dunha "sanción política".

Por Galicia Confidencial | Verín | 28/06/2021 | Actualizada ás 15:38

Comparte esta noticia

A Secretaría Técnica da Consellería de Sanidade confirmou ao xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Francisco Javier Castrillo, a sanción que a instrutora propuxera: dous días de suspensión de emprego e soldo ao entender que faltou á consideración dunha das súas compañeiras pediatras na discusión polo traslado dun bebé en pleno conflito do paritorio.

Os feitos remóntanse ao pasado 30 de novembro do 2019, día da multitudinaria manifestación polas rúas de Verín e no que nacía o, previsiblemente, último neno que viña ao mundo na vila e no seu hospital. Naceu sen ningunha complicación e a pediatra que prestaba a última das gardas no centro hospitalario comarcal antes de que se desmantelase o servizo de partos, atopouse coa oposición do xefe de Xinecología verinés, Francisco Javier Castrillo, quen tentou impedir que se derivase ao neno e a súa nai por non existir razóns médicas para iso. Finalmente, e tal e como apunta o xornal colaborador DdT, o bebé acabou sendo trasladado, como así informou no seu día este medio.

A piques de prescribir a falta "grave" -así foi tipificado- por cuestionar o criterio médico doutro profesional -pediatra que chegaba desde Ourense cunha instrución clara e indiscutible do traslado dun bebé custe o que custe aínda que médicamente non fose necesario-, os responsables do Sergas que tiveron que recuar na súa intención de concentrar os partos na capital porque así llo impediu o movemento social xurdido hai ano e medio, decidían o pasado mes de novembro de 2020 abrir un expediente disciplinario á cara máis televisiva da protesta.

Manifestación en contra do peche do paritorio no Hospital comarcal de Verín
Manifestación en contra do peche do paritorio no Hospital comarcal de Verín

RECURSO DE ALZADA AO CONSELLEIRO

En declaracións a Europa Press, Castrillo lamentou que se ratifique unha sanción que considera "inxusta". A vía que queda agora é o recurso do alzada ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

"É inxusto aínda que fosen dous minutos (sen emprego e soldo) no canto de dous días", advertiu o xinecólogo, antes de reprobar que foi expedientado por "defender o dereito á información e autonomía" do paciente.

CRÍTICAS DO BNG E PSdeG

O Grupo Parlamentario do BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas urxentes para demandar explicacións á Xunta de Galicia tras esta decisión.

Así, a deputada por Ourense, Noa Presas, cualificou de escandalosa a conclusión de sanción considerando que o PP "se pasou de freada" ao buscar castigar a un profesional que se significou na exemplar loita de Verín non se pecha e considera que a Xunta busca “amedrentar” a todo o persoal sanitario para que cale ante posibles novos recortes e abusos.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denuncia as “impresentables represalias” iniciadas por Feijóo contra este profesional.

De feito, Gonzalo Caballero criticou unha “sanción política” contra o doutor Castrillo que vén de ditar o Sergas, e que considerou “unha farsa” que demostra “o peor da política revanchista e o abuso de poder” por parte do PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Curiosamente dende a demisión dos 21 Xefes de Servizo de Atención Primaria non volvemos a ter noticias dos cargos colaboracionistas co SERGAS ! Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk