Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2021 | Actualizada ás 22:00
Se cadra tenta facer carreira para un Nobel da Paz. Esa sería unha explicación para aclarar a incógnita de por que Juan Carlos Escotet, director xeral de Abanca, leva máis de tres anos loitando con vehemencia para conseguir a primeira universidade privada de Galicia. O proxecto, defende a entidade, é completamente desinteresado: non pretende derivar un euro á matriz bancaria. Algo parecido ao que mantén a Xunta, e moi diferente á visión dos sindicatos, que apuntan a unha institución con ánimo de lucro e, á parte, movida pola intención de privatizar o sistema de universidades de Galicia de forma encuberta.
Abanca lanzou o plan para comezar a súa Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) en 2018. Fíxoo a través de Afundación, a súa plataforma de “obra social”, e baixo a premisa de que o recadado cos importes das matrículas quedaría na institución. En concreto, a entidade anunciou que derivaría un 15% dos seus ingresos a financiar bolsas, e que o resto pasaría ás contas. O xestor da UIE non será outro que Miguel Ángel Escotet, que á parte de exdecano dunha universidade en Texas (EE.UU.) tamén é curmán do número un de Abanca, Juan Carlos Escotet.
En calquera caso, o enfoque altruísta de Abanca suscita interrogantes porque o banco xa conta cun instituto sen ánimo de lucro. É o IESIDE, un organismo herdado da vella escola de negocios de Caixanova e que, dende 2009, expide títulos universitarios oficiais grazas a un convenio coa UVigo.
Sobre o papel, o IESIDE non achega ingresos á entidade resultante da fusión das caixas. Outra cuestión é que Abanca ofreza préstamos de ata 30.000€ con intereses do 4’09% TAE pensados especificamente para o caso de alumnos que non poidan asumir as matrículas do instituto. Estas poden chegar a superar os 22.000€ por dous días lectivos á semana durante 15 meses.
DÚBIDAS LEGAIS
A preguntas de Galicia Confidencial, Abanca non aclarou se manterán esta liña de créditos unha vez constituída a Universidade Intercontinental da Empresa. En calquera caso, as preocupación de parte do sector educativo semellan máis postas nos efectos que esta entidade poida ter sobre o sistema público; chegando a alerta dunha tentativa de privatización que podería mesmo incumprir a Lei de Universidades de Galicia.
As acusacións de ilegalidade céntranse no artigo 13g. Este punto da norma de 2013 establece que, para constituír unha universidade --pública ou privada-- esta debe contar cun catálogo de titulacións “complementario e non reiterativo” con respecto ás carreiras que se ofrecen en Galicia; é dicir, que non se repitan. O problema estaría en que a Universidade Intercontinental da Empresa si contempla carreiras que xa están dispoñibles na pública, segundo destacou a Plataforma pola Defensa da Universidade Pública Galega no seu manifesto fundacional. En particular, a UIE contempla enxeñerías, graos vencellados coa mercadotecnia e ADE. Velaí estaría o problema, xa que esta mesma carreira está dispoñible nas USC, na UdC e a UVigo.
A Xunta desestimou no seu momento as acusacións da Plataforma aludindo que a “especialización” do grao de Abanca evitaba esa duplicidade. Suso Bermello, voceiro da Plataforma e secretario xeral de CIG-Ensino, non o ten tan claro: “Ofrecen exactamente o mesmo que o sistema público”, destaca. Con todo, o sindicalista da Confederación afirma que a duplicación de titulacións é unha constante no sistema universitario galego, tamén no tocante ao eido público: “Hai moitas denominacións para títulos absurdamente idénticos. Cambian o nome de tres ou catro materias ou meten unha cousa doutro curso e xa é un grao diferente, cando menos dende a perspectiva legal”.
ACUSACIÓNS DE PRIVATIZACIÓN
Aínda que dende a Plataforma non descartan levar a cuestión aos tribunais, a aprobación da UIE xa se dá por feita nos círculos que, ao longo dos últimos meses, veñen de se manifestar contra ela. A norma que recoñecerá o centro de Abanca queda pendente dos últimos retoques parlamentarios; cuestión que, coa maioría absoluta do PP, non debería supoñer máis que un trámite. A loita queda posta nesa suposta privatización que podería ter lugar unha vez a privada entre en contacto co sistema tradicional.
A Xunta xa anunciou que non daría “un euro” á institución de Escotet nin llo sacaría ás outras, pero iso, a ollos da Plataforma ou Estudantes en Movemento, non pon freo á privatización que supostamente acomete o PP. O primeiro dos problemas viría, paradoxicamente, das inxeccións monetarias que Abanca realiza de cando en vez ao sistema universitario galego. O perigo estaría en que a entidade de Escotet, xa constituída, abandonara os convenios que mantén con distintas facultades da Comunidade.
Dende Estudantes en Movemento fan fincapé na posibilidade de que a entrada da EIU remate por elevar as taxas públicas. Galicia mantén, neste momento, as matrículas máis baixas do Estado; circunstancia que podería chegar á súa fin por un efecto de competencia co veciño privado. O sindicato estudantil asegura que este encarecemento xa se produciu en Madrid e Barcelona, “entre outros territorios”, coincidindo coa efervescencia do sector privado.
O terceiro gran temor derivaría do chamado Plan Bolonia, esa reformulación das universidades da UE en 1999 que tanto rexeitamento e polémica xerou á súa chegada aos campus de Galicia. As voces máis críticas co Plan denunciaron que reducía o financiamento público das universidades, deixándoas --na práctica-- á mercé das empresas que quixeran financiar os seus grupos de investigación. O problema xurdiría no caso dunha hipotética competencia por parte de Abanca, xa que, de acordo con estas fontes, para que un proxecto académico sexa financiado con fondos públicos antes debe recibir cartos do mercado. Aínda así, Bermello considera pouco probable que Abanca se lance á investigación nunha escala comparable á do sistema público.
EFECTO CHAMADA
Este tirapuxa de versións contraditorias deixa poucas conclusións a futuro tras o fume. A primeira é que a Universidade de Abanca, salvo grande sorpresa, sairá adiante e agarda arrincar a actividade lectiva de cara ao ano 2022/2023. A segunda é a apertura de portas da Xunta vén de xerar un efecto chamada para outros competidores privados. CESUGA, o outro gran centro privado de Galicia, que ata agora funciona como unha filial da San Jorge de Zaragoza, lanzou o pasado mes de abril a súa propia petición para conseguir a independencia. A Xunta, polo momento, limítase a dicir que darán trámite á cuestión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.