Denuncian que o Santander segue sen retirar os seus vertidos ilegais en zonas protexidas da Limia

O banco foi multado en 2020 por depositar residuos nunha zona protexida da antiga Lagoa de Antela. Amigos da Terra asegura que o lixo segue aí e que veñen de interpoñer unha nova denuncia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2021 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

A lagoa de Antela volve acaparar titular a raíz dos vertidos ilegais que, en outubro do ano pasado, custaron unha multa de 10.000€ ao Banco Santander e a inmobiliaria Aliseda. As entidades foron sancionadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil despois de que esta ditaminase que depositaron entullos de forma ilegal sobre zonas protexidas de distinta clase situadas na área da antiga Lagoa de Antela.

Imaxe do lixo depositado na antiga Lagoa de Antela polo que o Santander e Aliseda foron sancionados
Imaxe do lixo depositado na antiga Lagoa de Antela polo que o Santander e Aliseda foron sancionados | Fonte: Amigos da Terra

A problemática estaría en que, segundo denuncia Amigos da Terra, o lixo abandonado polo Santander e Aliseda segue no mesmo punto da antiga lagoa, desaparecida dende hai décadas despois de que o franquismo mandara secala para crear campos de cultivo. A asociación, que no seu momento foi unha das plataformas denunciantes do suceso, vén de anunciar que volverá levar o abandono dos entullos á Confederación Hidrográfica.

No seu momento, o organismo dependente do MITECO resolveu sancionar a ambas entidades por depositar este lixo sen darlle un tratamento apropiado. En particular, subliñan que os entullos depositados carecían de impermeabilización, razón pola cal poderían filtrar substancias ao chan --lixiviados, por exemplo-- e “poñer en perigo o dominio público hidráulico”.

ZONAS PROTEXIDAS

Acontece que, por riba, o depósito de lixo realizado por Aliseda e o Santander localízase nunha área da antiga lagoa que está protexida por partida dobre. O punto en concreto aproveitado por ambas entidades é á vez Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA) e un Espazo Natural Protexido. Por todas estas cuestións, a CHMS decidiu sancionar con 10.000€ ás empresas, que tiveron que abonar de forma solidaria a contía.

Do mesmo xeito, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil decidiu eximir do pagamento ao Concello de Sarreaus, que nun principio fora incluído tamén no expediente sancionador en cuestión. O Banco Santander obtivo no pasado 2020 un beneficio ordinario de 5.081 millóns de euros, segundo cifras ofrecidas pola propia entidade bancaria na súa páxina web. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta